Antonio Ameijide recorda como dende o goberno provincial se dixo que o prazo de obra sería de 12 meses, prazo que rematou o pasado mes de abril: “Vemos como estes días a residencia aínda está moi verde e faltan meses para que poida poñerse en servizo, unha nova mentira do presidente da Deputación”.
Os veciños da Pobra do Brollón teñen que seguir agardando a que PSOE e BNG cumpran o acordo que asinaron con eles para a construción dunha residencia de maiores, integrada dentro da rede provincial
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, xunto ao voceiro do PP na Pobra do Brollón, Teddy López, comprobaron “o lento avance dos traballos” que xa acumulan atrasos. “Cómpre recordar que cando o goberno provincial anunciou o comezo dos traballos, en marzo de 2024, dixo que o prazo de obra sería de 12 meses, tempo que concluíu en abril deste ano e vemos como aínda restan moitos meses de construción”, explicou Ameijide
Por este motivo, o voceiro popular esixe “axilidade” na Pobra do Brollón para rematar a construción desta residencia e para poder dar este servizo fundamental comprometido con todos os veciños.
Ademais, Ameijide insta a que cando se remate construción “se poña en servizo en igualdade de condicións” co resto de residencias da rede provincial, “non sexa que se lles ocorra a PSOE e BNG aplicar na Pobra do Brollón o mesmo criterio que aplican a Becerreá, cobrar un 60% máis que no resto de residencias da rede”.
Por este motivo, dende o Grupo Provincial Popular preguntan a PSOE e BNG, pero especialmente aos nacionalistas (gobernan na Pobra do Brollón), “se van a permitir que esta residencia abra as súas portas cun prezo máis elevado que o resto de residencias da rede provincial”.
ATA CINCO LICITACIÓNS
Antonio Ameijide recorda que PSOE e BNG tiveron que realizar ata cinco licitacións para que comezasen as obras desta residencia de maiores. “A realidade é que o goberno provincial foi de fracaso en fracaso no referente á construción da residencia de Pobra do Brollón”, subliña.
O convenio para a construción da residencia da Pobra do Brollón foi asinado en xuño do 2018 e sacado a licitación en febreiro do 2019, que contemplaba un investimento de 1,4 M€.
O primeiro contrato foi resolto e coa segunda licitación o goberno da Deputación tardou case un ano en formalizar o contrato para logo ser suspendido e, posteriormente, tamén resolto.
Na terceira licitación quedaba deserto o concurso e dende o Grupo Provincial Popular xa se advertira que era precisa unha revisión de prezos, atendendo á suba dos custes da luz, do combustible ou dos materiais da construción.
A cuarta licitación foi aprobada en abril de 2023 e adxudicada en setembro por 2,2M€.
“Todos estes atrasos supuxeron que o custo desta infraestrutura aumentara 800.000€ pero o peor son os anos de espera para estes veciños”, explica.