O proxecto, que reúne a 12 entidades de varios países europeos, terá un orzamento de cerca de 2 millóns de euros cofinanciado polos fondos FEDER.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) coordinará o proxecto europeo CLIRAQUA – Climate Resilience and Adaptation in Aquaculture- , unha iniciativa transnacional que busca fortalecer a resiliencia da acuicultura atlántica ante os efectos do cambio climático. Cun orzamento total de 1,96 millóns de euros, co-financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg Espazo Atlántico, o proxecto reúne a 12 entidades de España, Portugal, Francia e Irlanda.
CLIRAQUA enmárcase no obxectivo estratéxico de promover a adaptación ao cambio climático mediante solucións baseadas nos ecosistemas e tecnoloxías innovadoras. O seu propósito é dobre: reducir a vulnerabilidade das especies e contornas acuícolas fronte a fenómenos como o aumento de temperatura, a salinidade ou a perda de calidade da auga, e desenvolver ferramentas prácticas que permitan a produtores, administracións e comunidades locais anticiparse e adaptarse a estes desafíos.
Con este proxecto, espéranse acadar os seguintes resultados: creación do Data Lake Atlántico con datos climáticos e ecolóxicos para xerar mapas interactivos de vulnerabilidade; protocolos de xestión adaptativa para produtores e administracións, baseados en evidencia científica; e sistema de alerta temperá fronte a enfermidades asociadas a cambios de temperatura e salinidade. Así mesmo, prevese a creación dunha Rede Transnacional de Resiliencia Acuícola, que facilitará a adopción de boas prácticas alén do proxecto.
Ademais, CLIRAQUA fomentará a participación pública e a gobernanzacolaborativa, co obxectivo de integrar a adaptación climática nas políticas rexionais e nacionais do sector.
Galicia como nodo de innovación azul
A coordinación do proxecto desde o CICA é exemplo da capacidade do centro para integrar diversas disciplinas científicas ante retos complexos como o cambio climático. O equipo investigador combina perfís en bioloxía costeira, produtos bioactivos mariños, ecoloxía evolutiva, cambio climático e biomedicina.
Así, Jaime Rodríguez e Carlos Jiménez (grupo PRONAMAR), expertos en compostos bioactivos mariños, abordan o potencial destes recursos en acuicultura sostible. Javier Cremades e Rodolfo Barreiro (grupo BIOCOST) achegan décadas de experiencia en biodiversidade costeira, restauración de hábitats e especies mariñas. Roberto Bao e Armand Hernández (GRICA) encárganse da análise climática e a integración de modelos preditivos. PabloPita (GIBE), especialista en bioloxía evolutiva en sistemas mariños, traballa sobre sobre a vertente socioeconómica da adaptación de especies explotadas a novas condicións ambientais. Por último, Daniel Torrecilla, responsable de Proxectos, Innovación e Estratexia de I+D, é tecnólogo con experiencia en biomedicina, reforza a vertente de innovación e xestión de proxectos europeos.
O proxecto alíñase coas estratexias galega e europea de economía azul, e cos principios do Pacto Verde Europeo, a Axenda Territorial 2030 e a Estratexia de Adaptación ao Cambio Climático da UE.
CLIRAQUA tamén capitaliza sinerxías con outros proxectos europeos como ClimeFish, BlueAdapt ou AQUA-LIT, consolidando unha rede de coñecemento que transcende fronteiras.
Un consorcio multidisciplinar
O consorcio está formado por universidades, centros de investigación, axencias públicas e agrupacións industriais tecnolóxicas de diversos países:
• España: Universidade da Coruña – CICA (coordinación), Universidad de Las Palmas de Gran Canaria (Instituto Universitario Acuicultura Sostenible y Ecosistemas Marinos), Asociación Bioga – ClústerTecnolóxico Empresarial De Ciencias Da Vida, Instituto de Investigaciones Marinas – Agencia Estatal Consejo Superior de Investigaciones Científicas e Seafood Legacy SL.
• Portugal: Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR), Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA), Universidade dos Açores
• Francia: Institut National de Recherche en Agriculture, Alimentation etEnvironnement (INRAE), Centre pour l’aquaculture, la pêche etl’environnement de Nouvelle-Aquitaine (CAPENA)
• Irlanda: Marine Institute, University of Galway
O proxecto terá unha duración de 30 meses e desenvolverase entre xullo de 2025 e decembro de 2027.