Guerra do leite: Agromuralla revela estratexia das industrias para reducir o pago aos gandeiros galegos ata 9 céntimos por litro.

A Executiva da asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla analizou este martes as consecuencias dos novos contratos propostos polas industrias lácteas para a compra do leite ás granxas en Galicia a partir do 1 de agosto, con «subas limitadas» que «consolidan a discriminación das granxas galegas e non recortan o diferencial de prezos co resto de España e Europa».

«As industrias, que até agora asinaban contratos a curto prazo (4 meses) están propoñendo agora contratos de maior duración (8 meses), tratando de amarrar ás granxas porque intúen que o prezo vai seguir subindo nos vindeiros meses», argumenta a asociación de gandeiros.

No relativo ás condicións propostas, «as granxas galegas seguimos recibindo unha retribución polo noso leite inferior ao do resto de comunidades e estanse incrementando cada vez máis as diferenzas entre granxas veciñas», din.

Os contratos das industrias que máis leite recollen en Galicia (por esta orde, Lactalis, Larsa e Leite Río) inclúen diferenzas de prezo de até 9 céntimos en litro, unha horquilla que Agromuralla considera «desproporcionada e inxustificada», oscilando os prezos de 42,5 a 50,7 céntimos no caso de Lactalis; entre 43 e 50,3 en Larsa e entre 44 e 53 no caso de Leite Río.

«A finalidade de Agromuralla é defender ao conxunto do sector, sexan grandes ou pequenos produtores», aclaran, polo que piden que as subas se trasladen ao prezo base para que cheguen a todas as explotacións.

Diferenzas inxustificadas entre granxas grandes e pequenas

Para Agromuralla, a decisión das empresas de basear o prezo final do leite que cobran as explotacións no volume de entregas supón «unha maneira de castigar ás granxas pequenas e medianas, a maioría das que hai en Galicia, e de abaratar por esta vía o custo medio do leite que as industrias compran na comunidade que máis leite produce de España». 

«A prima por cantidade que recollen a maioría dos contratos non se trata dunha bonificación ás granxas que máis producen, senón dunha penalización encuberta para o resto», argumentan. O diferencial de prezos segundo o tamaño da explotación incrementouse coas últimas renovacións de contratos até acadar os 9 céntimos de diferenza.  

A asociación de gandeiras e gandeiros pide á Administración galega «que non se limite a actuar de mero observador» ante o actual proceso de renovación de contratos e «que non permita prácticas abusivas no seu territorio», controlando o diferencial de prezo que teñen as granxas galegas a respecto do resto do Estado e tamén entre si,  «non permitindo que se castigue inxustificadamente ás granxas pequenas».  

«Resulta inxustificado que dúas granxas veciñas da mesma parroquia, que entregan o leite á mesma empresa, unha cobre o leite a 53 céntimos e a outra a 44 cando o camión que lles recolle o leite é o mesmo», argumenta Agromuralla, que explica que «a nivel loxístico, as pequenas granxas tamén son útiles ás industrias para completar os camións de recollida» polo que consideran «unha falacia o argumento do incremento de custos de transporte para penalizar ás granxas pequenas». 

Unificar a conformación dos contratos

Agromuralla defende «un prezo base igual para todos», cunha unificación das actuais disparidades na conformación de prezos nos contratos establecidos polas distintas empresas, así como nas distintas esixencias (punto crioscópico), e primas en base á calidade do leite entregado e non polo volume de entregas realizado. 

«Os incentivos deben establecerse pola calidade hixiénico-sanitaria (graxa e bacterioloxía) e as porcentaxes de graxa e proteína contidas no leite. O esforzo do gandeiro en mellorar en cuestións como instalacións, manexo do gando ou alimentación ten que ser valorado», defende Agromuralla, algo que é independente do volume de entregas ou o tamaño da explotación. 

Así llo trasladará á conselleria do Medio Rural no Pleno do Observatorio Lácteo Galego, que se celebrará no mes de setembro, e do que Agromuralla pasa a formar parte como entidade representativa do sector. 

Escenario proclive á suba de prezos do leite 

O escenario actual e de cara aos vindeiros meses é favorable á suba de prezos do leite, debido ao mantemento do consumo e das cotizacións dos produtos industriais nos mercados internacionais e tamén como consecuencia da caída da produción tanto en Galicia como nos principais países produtores europeos, onde están a subir con forza os prezos neste momento en países como Alemaña, Holanda ou Irlanda.

Segundo a análise realizada por Agromuralla, «o prezo dos contratos que se asinen en agosto en Galicia debería situarse nos 53 céntimos, en sintonía co resto de España e de Europa». 

Situación actual de mercado de cara á renovación de contratos do leite:

  • En maio, o prezo medio en Galicia foi de 48,8 céntimos, cando a media española se situou en 50,1 céntimos e comunidades como Cataluña (50,7), Andalucía (50,9), Castela e León (51,1) e Asturias (52) situáronse claramente por enriba do prezo que cobramos en Galicia.
  • O prezo nos principais países produtores europeos está subindo con forza. En maio o prezo medio da UE foi de 53,03 céntimos, con subas significativas de máis do 15% en Dinamarca (+19,8%), Holanda (+19,6%), Alemaña (+18,6%), Irlanda (+17,9%), Polonia (+15,5%) e Italia (+15,2%).
  • O valor dos produtos lácteos industriais nos mercados internacionais mantéñense elevados: a manteiga cotiza a 7.400 euros a tonelada e os queixos a 4.800 euros na UE. 
  • Nos 5 primeiros meses deste ano a produción de leite caeu en Galicai case un 2%, un descenso superior incluso ao vivido no conxunto de España (-1,72%). A caída foi significativa en abril e maio, os meses tradicionalmente máis produtivos, e deixarase notar tamén con forza en xuño debido ao calor.
  • No último ano pecharon en Galicia 359 granxas leiteiras (658 no conxunto do Estado). Neste momento, tan só hai 5.135 ganderías dando leite en Galicia e 9.085 no conxunto de España.
  • O censo de gando diminuíu: contabilízase un 2,4% menos de vacas e un 1,9% menos de xovencas en xaneiro de 2025 respecto ao mesmo mes de 2024 en España.
  • Non hai excedente de leite en Europa. Segundo os datos do Observatorio Lácteo Europeo, nos catro primeiros meses deste ano (xaneiro-abril) a produción caeu no conxunto da UE un 1%. Entre as caídas máis significativas están as de Alemaña (-2,9%), Holanda (-2,3%), España (-2,3%), Francia (-1,8%), Dinamarca (-0,9%). 
Comparte éste artículo
No hay comentarios