Casares: “A Comisión Europea máis de dereitas da historia condea os sectores produtivos galegos no novo orzamento comunitario”

EP Plenary session - Clean Industrial Deal

O eurodeputado galego critica a redución a un terzo do orzamento para a pesca e os recurtes na PAC e cohesión.

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, lamentou esta mañá que “os peores presaxios” se confirman tras a presentación do futuro orzamento comunitario para o período 2028-2034: “A Comisión Europea máis de dereitas da historia condea os sectores produtivos galegos”.

Así o sinalou González Casares tras coñecer as primeiras cifras do Marco Financeiro Plurianual presentadas onte pola Comisión Europea, e que supoñen un “ataque aos intereses do país en materia de pesca, agricultura ou cohesión social e territorial”. 

Segundo explicou o eurodeputado galego, de acordo cos primeiras cifras reveladas pola Comisión, o orzamento comunitario para a pesca cae a un terzo do vixente, ao pasar de 6.000 millóns de euros a 2.000 millóns. “O PP europeo condea a Galicia, comunidade autónoma máis beneficiada polo Fondo Pesqueiro vixente, a ser a máis prexudicada polos recurtes. O PP quería un comisario de Pesca e obtívoo. E agora, este o que fai é roubarlle a carteira aos profesionais do sector”, lamentou. 

Casares tamén incidiu en que outra das políticas fundamentais para o medio rural galego, a Política Agraria Común, sofre importantes recurtes, de arredor do 25%, o que redundará en maiores dificultades para “a viabilidade futura” das explotacións e “peores servizos no rural”. “Novamente, un comisario do PP europeo atacando os intereses dos agricultores e gandeiros galegos. É a demostración de que, para o PP, os cidadáns do rural son cidadáns de segunda”, incidiu.

Finalmente, o eurodeputado galego amosou a súa profunda preocupación polo futuro da política de cohesión, que co novo orzamento ve reducidos os seus recursos e centralizada a súa xestión, o que restará fondos a comunidades como a galega, dado que só as rexións menos desenvolvidas terán garantizado o acceso aos fondos da política de cohesión. “Rexións como Galicia non só sofrirán profundos recurtes con esta proposta, senón que terán menos capacidade de decisión. Isto é o que sucede cando o PP deixa en mans da extrema dereita de Meloni a política rexional europea: recurtes e condicionalidade, que ameazará o gasto social. Imos batallar para impedilo”, concluiu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios