Amigas das Árbores: A Serra de San Mamede e Queixa arde de novo: o “mellor operativo do planeta” fracasa outra vez

ARDE a SERRA!!! eran os anos 60 do século pasado e o avó explicaba que as fogueiras que se vian ao lonxe era que estaban facendo carbón, era un lume controlado que só queimaba montóns de raíces dos «torgos» para facer carbón vexetal. Xa non quedan carboeiros, só quedan uns poucos habitantes de idade moi avanzada…
Agora a serra arde enteira e sen control, o lume calcina/arrasa con todo tipo de ecosistemas dun dos espazos de montaña de máis valor de Galicia, montes que fai xa moitos anos que tiña que ser declarado parque natural mais, as prioridades da Xunta son outras.
Na primavera os servizos forestais públicos andiveron queimando San Mamede e Queixa, dixeron que era para evitar os incendios de verán QUEIMANDO o Macizo Central Ourensán sen ter en consideración nin a pendente, nin o risco de erosión, nin a época de apareamento e cría da fauna…Son tan eficaces que até invitaron a UME do exército español para que viñeran facer prácticas con «Fuego Real»… caso único en Europa, unha institución pública queimando ecosistemas de gran valor e facendo ostentación do seu crime…
Hoxe arde a Serra de San Mamede e a Serra de Queixa, fai dous anos ardeu unha boa parte dos Montes do Invernadoiro e a Serra de Fial das Corzas, miles de hectáreas arrasadas/calcinadas sen sermos capaces de frear o «lume infernal» que estraga todo ao seu paso.

Di a Xunta de Galicia que temos o mellor operativo de extinción do planeta, que contamos con unhas 7.000 persoas na prevención e extinción de incendios forestais, equipos materiais, técnicos e todo tipo de protocolos…A triste realidade imponse, lembrar que «quen minte engana e quen engana minte» levan mentíndonos e enganándonos máis de medio século e como sociedade xa fai tempo que nos inocularon o veleno da indiferenza e do desleixo.
Arde a serra!!! arden por enésima vez miles de hectáreas no corazón do Macizo Central Ourensán. Lumes inmensos no máis profundo dos silencios, do esquecemento, das mentiras e os enganos.
Profunda mágoa e impotencia

A fotografía e o vídeo son das «queimas controladas» feitas na primaveira pola Xunta de Galicia na Serra de Queixa e a Serra de San Mamede…A fotografía de portada é do incendio (10-8-2025) de San Mamede e Queixa dende Os Milagres dos Medos

Comparte éste artículo
No hay comentarios