. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Fonsagrada denunciou publicamente o proxecto do parque eólico Muracais, impulsado pola empresa «Antila Solar SLU», ao consideralo unha «ameaza directa» para o territorio, a veciñanza e o futuro do medio rural.
O BNG alerta de que o proxecto contempla a instalación de aeroxeradores de gran potencia en zonas de alto valor natural e paisaxístico, afectando directamente a numerosos núcleos de poboación, ademais dunha extensa liña de evacuación que incrementará o impacto ambiental e visual na comarca.
Falta de transparencia e modelo depredador
O BNG acusa ao Partido Popular na Xunta e ao PSOE no Goberno estatal de promover un modelo eólico «depredador» que entrega o territorio ás grandes empresas eléctricas. Segundo a formación nacionalista, este modelo carece de planificación, non ofrece un retorno real para a poboación local, e ignora a participación veciñal e o control ambiental.
Como exemplo da falta de transparencia, sinalan que os estudos de impacto ambiental publicáronse en pleno verán, con prazos limitados e escasa difusión. Moitos veciños coñeceron o proxecto grazas á mobilización cidadá.
O BNG propón un modelo xusto e esixe a actuación do Concello
O BNG insiste en que non se opón ás enerxías renovables, pero defende un modelo alternativo que non se basee na «destrución do noso territorio en mans de fondos especulativos». Este modelo debería incluír:
- Planificación ordenada con participación pública.
- Xestión galega da enerxía.
- Retorno económico para os concellos e veciños afectados.
- Protección da biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural.
A formación esixe ao goberno do Concello da Fonsagrada que «non mire para outro lado» e que se posicione a favor da veciñanza, presentando alegacións formais e informando con claridade sobre os proxectos.
O BNG da Fonsagrada anima aos veciños a presentar alegacións, cuxo prazo remata o 20 de agosto. Os modelos están dispoñibles na páxina web de adega.gal e no Concello.