O PP advirte dunha nova sanción ao Concello de Monforte por vertidos ao río Cabe mentres Tomé segue sen iniciar as obras para solucionar este problema

Katy Varela denuncia “o engano” que José Tomé tenta realizar a todos os monfortinos xa que “pese a anunciar en pleno que renunciaba a realizar esta obra, non retirou o cartel que anuncian os traballos unicamente para que toda a veciñanza pense que si se van a realizar as tarefas necesarias para evitar novos vertidos ao Cabe”.

Os concelleiros do PP de Monforte solicitaron acceso ao expediente completo no que se recolle o inicio dun expediente sancionador contra o Concello de Monforte por vertidos de augas residuais, procedentes da rede de saneamento municipal, ao río Cabe.

A voceira popular en Monforte, Katy Varela, explica que na acta de xunta de goberno local do 11 de agosto de 2025 se recolle:

– “COMUNICACIÓN ACORDO DE INCOACION E PREGO DE CARGOS contra o Concello de Monforte de Lemos pola Confederación Hidrográfica Miño Sil referencia S/27/0260/24/V no que CHMS incoa un sancionador a consecuencia dunha denuncia da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático o 26/02/2025 por “Vertido de aguas residuales procedente de un aliviadero de la red de saneamiento municipal, sin contar con la preceptiva autorización de este Organismo de cuenca, causando daños al dominio público hidráulico, en el Parque dos Condes, parroquia de Monforte de Lemos” que se recolle na Acta da Xunta de Goberno Local do 11 de Agosto de 2025”

Katy Varela denuncia que “non é a primeira vez que se detectan este tipo de infraccións por parte do Concello de Monforte” polo que queremos acceder ao expediente completo para poder analizalo e coñecer de primeira man “todos os incumprimentos realizados polo goberno de José Tomé”.

Este novo vertido á altura do parque dos Condes “deixa claro que o compromiso medioambiental de José Tomé é nulo” porque “un alcalde comprometido co medio ambiente nunca permitiría estas prácticas ou, cando as coñece, poñeríalles solución”.

Neste senso, Katy Varela recorda que José Tomé anunciou hai meses unha inversión de 1.700.000€ para poñer fin a esta situación, pero “renunciou á obra por ser de difícil execución e por ter un custo maior ao agardado”. “Vemos como unha vez máis todo o que rodea a Tomé son mentiras, bombas de fume ou titulares dun día”, afirmou.

Ante esta situación e despois de que o propio José Tomé afirmase nun pleno municipal que renuncia á execución da obra “esiximos que retire o cartel que anuncia os traballos que finalmente non se realizarán porque son un engano a todos os monfortinos”.

“Dende o PP estamos moi preocupados pola situación do río Cabe, xa que se está a producir un dano que podería non ter solución, polo que esiximos a José Tomé que realice os traballos necesarios para que a rede de saneamento municipal deixe de verter augas residuais ao río Cabe”, sentenciou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios