O Bloque Nacionalista Galego, a través da deputada Alexandra Fernández, denunciou na Comisión de Ordenación Territorial que a Xunta ten unha responsabilidade directa no fracaso do proxecto de vivenda «Alquiler50». Fernández acusou ao Goberno do PP de ser cómplice dunha operación que, presentada como de alugueiro social, se converteu nun auténtico «escándalo» que deixou a centenares de familias galegas nunha situación de total indefensión.
Unha promoción con responsabilidade directa da Xunta
A deputada nacionalista lembrou que a propia Consellería avalou a promoción no 2024 baixo a etiqueta de «aluguer social». Con todo, a Xunta ocultou un dato clave: que ademais de alugueiros de entre 258 e 374 euros, as persoas cooperativistas debían facer achegas iniciais superiores aos 50.000 euros. Esta falta de transparencia provocou unha «espantada masiva», reducindo os máis de 6.000 inscritos iniciais a só 120 persoas.
Segundo a deputada, a situación legal é unha «chapuza» na que a Xunta avalou a creación dunha nova cooperativa, Galivivienda Global, coa que se subrogaron unicamente os socios. Porén, os dereitos sobre o solo e as licenzas quedaron en mans da cooperativa orixinal, xa sen socios, pero aínda controlada pola mesma xestora.
«A Xunta avalou unha chapuza legal que deixou as familias indefensas, empurrándoas a unha cooperativa pantalla sen dereitos reais sobre o solo», advertiu Fernández. A parlamentaria subliñou que o IGVS non só non defendeu aos cooperativistas, senón que «colaborou na ocultación de información», deixando as familias á súa sorte ante as presións e ameazas da xestora, que intentou impoñer achegas aínda máis duras.
O BNG esixe un novo modelo e garantías para as familias
Alexandra Fernández reclamou á Xunta que asuma a súa responsabilidade como Administración titular do solo público, un ben que «debe garantir vivendas accesibles». Finalmente, instou o Goberno galego a revisar o modelo de adxudicación de solo público para evitar novas estafas e garantir a viabilidade dos proxectos.
«Non pode volver repetirse que unha promotora con antecedentes negativos e a peor puntuación técnica gañe concursos simplemente por comprometer un prazo máis curto», concluíu a deputada. O BNG insiste en que é necesario un modelo que teña en conta a solvencia e a experiencia, e que dea as garantías necesarias ás familias para cumprir co obxectivo social da vivenda pública.