Penas: «Seguimos traballando na mellora das zonas industriais de Lugo, con múltiples actuacións no Ceao que mellorarán a seguridade viaria e peonil«.
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou o Polígono do Ceao onde nos últimos días se executaron distintas actuacións dentro do plan de renovación da sinalización horizontal «mellorando a seguridade viaria nunha zona que conta cun importante tráfico pesado». Penas explicou que a Tenencia de Alcaldía continúa a «traballar na mellora das áreas industriais de Lugo, gardando cada ano unha partida orzamentaria importante para garantir o axeitado mantemento nestas vías, dado que o mantemento ten que ser acorde ao importante tráfico pesado que soportan».
Penas lembrou que proximamente comezará a renovación do asfalto na rúa da Agricultura, que conta cun orzamento de 143.320,20€ e un prazo de execución de 12 semanas. Os traballos, que foron adxudicados a Francisco Gómez y Cía SL, inclúen a eliminación da tubaxe de fibrocemento, instalando nova tubaxe de fundición dúctil, ademais da renovación da capa de rodadura con asfalto en quente, mantendo a cota actual do pavimento. Renovarase tamén a sinalización horizontal.
Outro dos proxectos que se executarán próximamente nesta zona é a renovación das beirarrúas. O Goberno de Lugo está en proceso de adxudicar a renovación de 6 treitos da rúa da Factoría, 7 na rúa da Agricultura e 5 na rúa da Industria, que suman un total de 818 metros. A Xunta de goberno celebrada hoxe aprobou iniciar o procedemento de contratación duns traballos que sairán a licitación por 96.797,74€. O Goberno de Lugo dará unha solución baseada en formigón ruleteado. Isto presenta unha dobre vantaxe fronte ás baldosas que se van substituír, dado que o formigón ten unha maior resistencia ás cargas dos vehículos que accidentalmente podan circular por riba, e ademais precisa menor mantemento. Os traballos consistirán na demolición da capa superior de baldosas e a capa intermedia de morteiro, e na instalación dunha nova capa de formigón.
Penas destacou tamén unha actuación que permitirá aumentar a seguridade viaria na rúa da Industria, no treito que comunica Benigno Rivera co Polígono das Gándaras. Os traballos a executar son similares aos realizados anteriormente nas Gándaras, reconfigurando a mediana da rúa para, segundo destacou Alexandre Penas «mellorar a fluidez do tráfico e a maniobrabilidade dos vehículos industriais, o que en conxunto producirá un aumento da seguridade vial na contorna».
«Trátase de diversas actuacións que suporán unha importante mellora para o polígono do Ceao,», afirmou o edil de Infraestruturas, que engadiu «seguimos traballando na mellora das zonas industriais da cidade, cun especial esforzo na mellora da seguridade viaria».
—