A recuperación da produción hidroeléctrica e a crise da industria metalúrxica son as causas principais do descenso
O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe “As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia (1990-2023)”, baseado nos datos extraídos do máis recente inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
As emisións brutas (1) de gases de invernadoiro causantes de cambio climático ascenderon a 17.775.135 toneladas en 2023, o que supón unha redución do 7,5% (-1.436.415 t) con respecto a 2022. Os motivos teñen moito máis que ver con factores conxunturais que con progresos na descarbonización.
A pesar da diminución das emisións en 2023, Galicia segue fóra dunha senda de redución das emisións compatíbel co Acordo de París.
A metade da diminución das emisións de GEI en 2023 é atribuíbel ao sector enerxético (-18,4%,-701.510 t), debido á recuperación da produción hidroeléctrica despois dun 2022 seco. Trátase dunha redución causada polo tempo e non polo avance da transición enerxética.
A outra causa principal da baixada das emisións en 2023 foi a crise da industria metalúrxica (alúmina-aluminio, ferroaleacións), que impulsou un importante descenso das emisións na industria non enerxética (-17,5%, -502.918 t).
O transporte segue a ser o sector máis emisor, ao achegar o 27,6% das emisións totais. En 2023 reduciu as súas emisións o 2,9% (-145.300 t), o que parece deberse ás medidas tendentes á promoción do transporte en tren e autobús e máis ao fin das bonificacións aos combustíbeis para particulares aplicadas en 2022 a raíz da invasión de Ucraína. O reforzo do transporte público e a aplicación do principio “quen contamina paga” son chaves para poder consolidar e profundizar a o recorte das emisións neste sector.
A industria enerxética fósil e o uso de produtos petrolíferos e gas natural nos diversos sectores de actividade (transporte, industria, fogares, agricultura,…) son responsábeis en conxunto do 72% das emisións galegas de gases de invernadoiro. Polo tanto, o estancamento da transición enerxética é un pesado lastre para a mitigación da crise climática desde Galicia. En 2023 a potencia renovábel eléctrica só medrou o 1% (incluíndo o autoconsumo solar) e o peso da electricidade no consumo de enerxía final recuou tres décimas.
Comparación con 1990
Con respecto a 1990, principal ano de referencia para as políticas climáticas, as emisións brutas diminuíron o 38,3%, debido sobre todo á desfosilización parcial do sector enerxético, que reduciu as súas emisións en 11,5 millóns de toneladas (-78,8%). Para iso, foron decisivas a substitución da electricidade xerada nas centrais de carbón pola procedente da nova potencia renovábel instalada (maioritariamente eólica) e o incremento do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións rexistrado a partir de 2019.
A pesar do anterior, as emisións por habitante de Galicia (6,6 t) seguen a ser superiores ás emisións medias de España (5,6 t) e só un pouco inferiores ás da UE (6,9 t).
Para contribuírmos á non superación do límite dos 1,5 ⁰C de quecemento global estabelecido no Acordo de París, Galicia debería diminuír as súas emisións brutas un 65% en 2030 en relación a 1990. Na recente actualización da Estratexia Galega de Enerxía e Cambio Climático 2050 (EGCCE2050) a Xunta renunciou a explicitar un obxectivo para as emisións brutas en 2030. O obxectivo de redución das emisións para 2030 asumido pola EGCCE2050 ascende ao 75% e refírese só ás emisións netas (descontadas as absorcións de CO2, na realidade non asimilábeis a emisións). Isto implicaría un recorte das emisións brutas dun 50%.
Para lograr reducións ambiciosas das emisións en Galicia no que resta de década é esencial duplicar á vez o grao de electrificación do consumo enerxético e a potencia eléctrica renovábel instalada, así como pechar as centrais de ciclo combinado de gas fósil de Sabón e As Pontes. Estas centrais eléctricas son as principais fábricas galegas de cambio climático, xunto coa refinaría de petróleo da Coruña.
Nova redución das emisións en 2024
Os datos oficiais sobre as emisións galegas en 2024 non se coñecerán até o próximo ano. Porén, considerando indicadores como a redución do 23,5% das emisións cubertas polo Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión –un 25% do total das emisións- ou o estancamento no consumo total de gasolinas, gasóleos e fuelóleos, pódese avanzar que as emisións reducíronse en 2024, aínda que a un ritmo insuficiente.
O informe “As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia (1990-2023)” está dispoñíbel en https://ogacli.org/wp-content/uploads/2025/09/as-emisions-de-gei-en-galicia-1990-2023.pdf
Nota
1. Denomínanse emisións brutas porque non se inclúen as emisións/absorcións derivadas do uso da terra, cambios no uso da terra e silvicultura.