A Sección Sindical de Comisións Obreiras no Concello de Lugo denuncia a situación de deterioro e descontrol que sofre o Departamento de Persoal municipal, cuxo funcionamento se atopa nunha crise sen precedentes pola falta de planificación, transparencia e diálogo coa representación sindical.
Nos últimos meses, o servizo vén acumulando decisións arbitrarias e irregularidades que comprometen a legalidade da actuación administrativa e os dereitos do persoal municipal. O último episodio —o cesamento de persoal interino en praza vacante de carácter estrutural— supón un feito de extrema gravidade, xa que se produciu sen causa legal nin informe técnico que o amparase, vulnerando o Estatuto Básico do Empregado Público. A medida tivo que ser rectificada tras a intervención de CCOO, evidenciando unha actuación improvisada e carente de rigor.
Este non é un caso illado. O Departamento de Persoal, baixo a responsabilidade política da Concelleira Ana Abelleira e a dirección técnica da Xefa de Sección de RRHH, leva tempo acumulando conflitos e deficiencias que paralizan a xestión municipal:
- Bloqueo da Relación de Postos de Traballo e da negociación sobre xornada e carreira profesional.
- Falta de transparencia e ausencia de diálogo real nas mesas de negociación.
- Reparos de legalidade reiterados en materia de horas extraordinarias.
- Deficiencias en prevención de riscos e saúde laboral debido ó exceso de xornada.
- Descoordinación e perda de confianza interna no propio servizo.
Para CCOO, esta situación evidencia unha grave perda de capacidade de xestión e responsabilidade política, que deteriora o clima laboral e pon en risco o normal funcionamento da administración local.
Por todo iso, CCOO esixe:
- A inmediata dimisión de Dna. Ana Abelleira como Concelleira de Persoal, por incapacidade manifesta para garantir unha xestión rigorosa, dialogante e respectuosa coa legalidade.
- A apertura dun expediente de depuración de responsabilidades á Xefa de Sección de RRHH, a fin de esclarecer a súa participación en decisións arbitrarias e garantir a transparencia administrativa.
- A adopción de medidas urxentes para restaurar o funcionamento normal do Departamento de Persoal, reforzar os mecanismos de control interno e establecer un marco estable de diálogo cos representantes do persoal.
CCOO fai un chamamento ao Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, para que actúe con responsabilidade institucional e poña fin a esta deriva que está a danar a credibilidade e o bo nome do Concello.