A ferramenta, que reúne 32 proxectos de creadoras migrantes en Galicia,preséntase mañá venres no marco da Feira das Culturas Galegas de Pontevedra.
O espazo Culturgal, Feira das Culturas Galegas, acollerá este venres, 28 de novembro, ás 19:00 horas, a presentación do Directorio de Artistas Globais na Galiza, unha ferramenta de referencia que recolle 32 proxectos liderados por mulleres migrantes creadoras nos ámbitos das artes escénicas, música, danza, teatro e propostas multidisciplinares.
O directorio constitúe un dos principais resultados do proxecto de investigación “Mulleres á fronte dende o Sur Global”, financiado por Cooperación Galega e no que participou profesorado das tres universidades galegas, con presenza maioritaria de investigadoras da Universidade da Coruña: Antía Pérez Caramés, Belén Fernández Suárez, Keina Espiñeira, Estefenía Tarrío e SarahDíaz Lamas, xunto con Luzia Oca, da USC e directora do proxecto; e Iria Vázquez Silva, da UVigo. A investigación contou tamén coa colaboración da organización coruñesa Ecos do Sur, que achegou coñecemento especializado no ámbito das migracións desde a perspectiva social.
Trátase dun proceso de investigación-acción participativa orientado a promover o diálogo de saberes entre mulleres e a recoñecer, visibilizar e fortalecer a creación artística das mulleres migrantes en Galicia.
A presentación en Culturgal incluirá unha explicación do proceso investigador e unha mesa redonda na que varias das artistas participantes compartirán as súas experiencias como creadoras migrantes: desafíos, oportunidades, redes de apoio e potencialidades dun colectivo diverso e en constante movemento.
Participantes na presentación
Na sesión estará presente unha representación das artistas incluídas no directorio:
– Mariana Rodrigo, actriz, directora, produtora, dramaturga e docente cunha ampla traxectoria no teatro independente de Bos Aires. Afincada na Coruña, impulsa espazos de formación interpretativa para persoas mozas e adultas, mentres continúa o seu labor creativo e o perfeccionamento da lingua galega.
– Mercé de Rande, directora artística, coreógrafa, performer, bailarina, actriz e artista plástica. Especialista en investigación do movemento, formación realizada no Movement Research de Nova Iorque. A súa obra plástica abrangue pintura abstracta, acuarela, tinta, collage, ilustración e murais de arte urbana.
– Kirenia Martínez Acosta (Kirenia Danza), artista multidisciplinar cunha traxectoria de máis de vinte anos. Fundadora da compañía KireniaDanza (2019), dedicada á creación contemporánea e á investigación de cuestións sociais, políticas e de xénero. Dirixe o festival Escenas do Cambio.
– Sheila Patricia, creadora destacada da folktrónica, unha fusión innovadora de tradición galega e electrónica contemporánea. O seu traballo ampliou públicos e puxo en valor o papel das mulleres na creación, desafiando estereotipos e abrindo novos camiños estéticos.