A Deputación da Coruña recupera e presenta a primeira longametraxe documental rodada en Galicia en 1929, “Un viaje por Galicia”

A Deputación da Coruña presentou esta tarde no Museo do Pobo Galego a película “Un viaje por Galicia”, a primeira longametraxe documental do cinema mudo rodada en Galicia e a única da preguerra que se conserva íntegramente. A obra, dirixida en 1929 por Luis R. Alonso, foi restaurada a partir da copia en celuloide custodiada durante décadas polo Arquivo da Deputación e enviada posteriormente á Filmoteca Nacional para o seu tratamento e preservación.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou no acto que esta película constitúe “unha parte fundamental da nosa memoria colectiva” e subliñou o valor histórico e emocional dunha obra que permite revivir a Galicia de hai case cen anos. “Recuperar esta película é recuperar parte da alma dun país”, afirmou.

Formoso contextualizou a rodaxe da película nun 1929 marcado internacionalmente polo crack da Bolsa de Nova York, que puxo fin aos felices anos vinte; en España polo esgotamento da ditadura de Primo de Rivera; e en Galicia por un proceso de transición entre unha sociedade rural e unha modernidade incipiente. “É o mundo no que nace esta obra, unha Galicia que quería mostrarse ao exterior e afirmarse como unha terra diversa, fermosa e viva”, explicou.

A película foi realizada con motivo da Exposición Iberoamericana de Sevilla, un escaparate no que as provincias e rexións españolas buscaban proxectar a súa identidade. A través da cámara de Alonso, Un viaje por Galicia percorre as catro provincias e recolle paisaxes costeiras e rurais, cidades en transformación, arquitecturas desaparecidas, escenas de traballo agrícola e mariñeiro, festas populares, a vida nos balnearios e mesmo unha comarca de Ferrol que xa despuntaba na construción naval.

Para o presidente provincial, estas imaxes conforman “un documento de valor incalculable, no que non vemos só un país antigo, senón o nacemento da Galicia contemporánea”.

A restauración levouse a cabo a partir da copia orixinal conservada no Arquivo da Deputación da Coruña, posteriormente depositada na Filmoteca Nacional. O proceso permitiu recuperar a textura e a montaxe orixinal e incorporar unha nova banda sonora, creada e dirixida por Maximino Zumalave baseándose en obras de compositores contemporáneos ao filme como Rodríguez Losada ou Andrés Gaos, que foi interpretada en vivo polo Cuarteto Novecento no acto de presentación.

No acto particiapron tamén a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e o experto e catedrático da USC José Luis Castro de Paz, que foi o encargado de contextualizar históricamente o filme e subliñar a súa importancia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios