O BNG de Monterroso lamenta a falta de seriedade e compromiso do equipo de goberno de Monterroso despois de que dúas actuacións comprometidas sigan sen levarse a cabo uns meses despois.
No próximo pleno será a cuarta vez que o grupo municipal do BNG reclama a eliminación e arranxo urxente do vertido en Podente e recorda ademais que se segue sen levar a cabo melloras aprobadas en sede plenaria sobre saneamentos e alumeados no rural. “Levamos desde maio do 2023 que nos presentamos ás eleccións municipais reclamando e apostando porque todas as aldeas teñan cubertos os servizos básicos, como electricidade, alumeado, subministro de agua e servizo de saneamento”.
Vázquez lembrou que dende outubro leva a actuación no Rego do Salgueiral parada, co asfaltado actual levantado e coas zanxas aínda abertas. “Continúase sen intervir en algo que debería ser unha prioridade e que, cos novos temporais destes días causarán máis problemas á veciñanza, é unha mostra máis de deixadez que non é puntual, é unha maneira de gobernar”.
Especialmente grave é a situación do CEIP de Monterroso e a demora no arranxo da súa caldeira “Tras o segundo incidente coa antiga caldeira, o alcalde asegurou no pleno que a Consellería tería arranxada a caldeira nas vacacións de Nadal, algo que non sucedeu”
O BNG presentou unha proposta no anterior pleno de decembro sobre este tema que finalmente non se debateu polo compromiso claro da alcaldía da substitución da caldeira. “Un mes despois, o CEIP continúa sen a caldeira nova mantendo o risco nunha temporada na que a calefacción e o confort é especialmente importante polas baixas temperaturas, quizais foi un erro confiar e debemos desconfiar máis do que se di no pleno”
Brais Vázquez “O alcalde promete solucións que despois non cumpre, Podente segue abandonado e o CEIP segue sen a nova caldeira cando no Nadal ía estar solucionado”
“Falamos de prioridades e responsabilidade política. Gobernar é anticiparse e cumprir o que se promete. Debemos prever os problemas e anticiparnos a eles sempre que poidamos pero se nalgún momento suceden debemos ser dilixentes e evitar o prexuízo ós veciños, vivan na vila ou no rural, con solucións inmediatas”, concluíu Brais Vázquez.