O PP reclamará no Senado solucións ao Goberno central ante os problemas de Correos en Trabada

Os representantes do PP de Lugo preguntan ao Goberno que medidas específicas ten previsto adoptar para garantir o bo funcionamento do servizo de Correos en Trabada, por que non se están a cubrir as baixas do persoal que opera nesta localidade e se ten constancia de queixas formais relacionadas con estas deficiencias.

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo  -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- anuncian a presentación de varias preguntas na Cámara Alta para coñecer a situación real do servizo de Correos no municipio de Trabada e as medidas que pensa adoptar o Goberno do Estado para poñer fin ás graves deficiencias que se veñen rexistrando.

Contar cun servizo postal áxil e eficiente é fundamental para garantir entregas rápidas e seguras, facilitar a loxística, reducir os tempos de espera e mellorar tanto a satisfacción da cidadanía como a operatividade das empresas. Esta realidade dista moito de cumprirse en concellos como o de Trabada, onde se multiplican as queixas polo mal funcionamento de Correos.

Os senadores populares advirten de que Correos, empresa pública adscrita ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, acumula no municipio numerosas incidencias, na súa maioría relacionadas coa falta de persoal. Esta situación provocou atrasos no reparto de correspondencia que, nalgúns casos, chegan a prolongarse varios meses, xerando un grave prexuízo para os veciños e veciñas.

Ante esta situación, os representantes do PP de Lugo preguntan ao Goberno que medidas específicas ten previsto adoptar para garantir o bo funcionamento do servizo de Correos en Trabada, por que non se están a cubrir as baixas do persoal que opera nesta localidade e se ten constancia de queixas formais relacionadas con estas deficiencias. De ser así, tamén reclaman explicacións sobre os motivos polos que non se corrixiron as incidencias detectadas.

Desde o Partido Popular esixen ao Goberno de España que actúe con urxencia para asegurar un servizo postal digno e eficiente no rural lucense, evitando que concellos como Trabada sigan sufrindo un abandono que afecta directamente á calidade de vida da súa poboación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios