O trío conformado por Møu, Jamas e DJ Mil reafírmase como unha voz necesaria nun tempo de urxencia cultural e que converte o rap nunha ferramenta precisa para o compromiso artístico.
Só faltaba unha faísca para prender a súa luz, e o día chegou. Este venres 20 de febreiro, Lumedoloop, o trío compostelán conformado por tres figuras imprescindibles da escena urbana galega -Jamas, Møu e DJ Mil- publica o seu álbum debut, (Re)existencia, unha obra conceptual que vai alén dun conxunto de cancións: é a materialización dunha filosofía de vida e, moi especialmente, un mapa de navegación para tempos convulsos.
“O lume está aceso, o loop faino eterno”, canta Jamas no primeiro dos 14 temas do álbum. Así arranca un elaborado traballo discográfico que propón unha fonda reflexión sobre o significado de vivir con conciencia e que pon o foco sobre a creación artística (“non facemos música para encaixar, senón para respirar,” di o mítico MC) comoferramenta de resistencia, pensamento crítico, aprendizaxe e celebración colectiva, sempre sen traizoar os propios principios.
Deste xeito, Lumedoloop prende o lume para erguer a palabra como acto de desobediencia e a música como espazo de (Re)existencia. O título do álbum, que se pode escoitar desde este venres 20 nas principais plataformas dixitais, xoga co verbo ‘existir’ e co prefixo ‘Re’ para activar as tres dimensións interconectadas que forman o núcleo ideolóxico e emocional do álbum: Rexistencia, o lume da firmeza innegociable (a loita creativa e integral); Reexistencia, o loop da transformación perpetua (que con cada volta amplía a conciencia e fortalece a identidade); e Existencia, a presenza plena e consciente do mundo (vivir con dignidade radical, coherencia interna e unha relación honesta coa verdade propia).
14 manifestos no camiño da (Re)existencia
Desde o anuncio da súa unión o pasado mes de outubro, Lumedoloop foi trazando o percorrido conceptual de (Re)existencia a través de distintos avances e declaracións de intencións. Con Rico de Sabor, o trío reflexionaba sobre o materialismo afectivo fronte á precariedade económica e, con Rap Cru, abordaba a celebración da creación pura, libre de aditivos comerciais, como acto de renacemento. Con Non Traio Un Laio, a formación erguía a voz contra a submisión lingüística, o desarraigo cultural e a favor do apoderamento da lingua galega cun himno de orgullo e de resistencia identitaria; e con Involución asinaban un manifesto o contra a involución social, sinalando o capitalismo depredador, a progresiva lexitimación da ultradereita e o papel das élites económicas e mediáticas.
A pasada semana Lumedoloop daba a coñecer o último avance e, á vez, o centro emocional do disco, Fíos de Cor, un relato sobre a protección, a aceptación e a aprendizaxe, “de mirar ás sombras de fronte e aprender a convivir con elas. De aceptar que forman parte de nós e de transformar esa escuridade en luz”.
Desde este venres 20 o público poderá escoitar os 14 temas desta (Re)existencia ao completo, xa que o álbum de Lumedoloop comeza cunha canción homónima a modo de presentación e remata con Baixo Cal, Space Drunkers, Transmisión Etílica, Imaxinario, Seca as bágoas, Ra e Apofis, A Nosa Lei e O Xerme da Desobeciencia.
Lumedoloop
Lumedoloop nace do encontro entre tres figuras fundamentais do hip hop galego. Por unha banda, Jamas (voz principal), un dos MCs máis carismáticos dos nosos escenarios, cun estilo que mestura contundencia e sensibilidade, posuidor dun flow natural cargado de musicalidade e forza explosiva. Pola outra, Møu (produción musical e voz), o produtor que marcou a evolución do rap en Galicia, cunha identidade sonora tan asentada coma en constante exploración. Ambos, fundadores de Dios Ke Te Crew, alíanse neste proxecto artístico con DJ Mil (scratches e djing), virtuoso dos pratos cunha carreira consolidada cuxos cortes e seleccións son parte esencial da narrativa sonora de Lumedoloop.