O TSX de Madrid frea os macroparques eólicos Barqueiro e Santuario

A xustiza abre unha fenda nun modelo enerxético que o Ministerio pretendía blindar dende Madrid

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid deu un paso que ninguén agardaba e que xa altera de raíz o panorama enerxético galego: a suspensión provisional dos proxectos eólicos Barqueiro e Santuario, ambos promovidos por ENEL e concebidos como pezas dun mesmo plan industrial que se estende polo norte de Galiza coma un tecido continuo de infraestruturas.

O parque eólico Barqueiro, con potencia de 126 MW, e as súas infraestruturas de evacuación espállanse por múltiples termos municipais da provincia de A Coruña —como Ortigueira, Mañón e Cerdido— e polos concellos de As Pontes de García Rodríguez, As Somozas, Moeche e parte de O Vicedo (Lugo), integrando un corredor que ocupa gran parte da zona noroccidental da nosa terra. Pola súa banda, o parque Santuario, con potencia de 161 MW, sitúase nos termos de Xermade, Vilalba e Guitiriz na provincia de Lugo, e tamén no concello de As Pontes de García Rodríguez en A Coruña .

A decisión da Sala chega tras valorar o impacto xurídico do Auto do Tribunal Supremo no caso Moeche, que puxo enriba da mesa dúbidas de fondo sobre a fragmentación dos proxectos e sobre a súa avaliación ambiental. A partir desta resolución xorde un escenario novo no que xa non resulta posible sostela ficción de que cada parque eólico constitúe unha realidade separada. Barqueiro, Santuario e Moeche comparten liñas, subestacións e unha mesma lóxica industrial. Non son pezas soltas, senón partes dun só corpo que o Ministerio tratou de presentar fragmentado para suavizar o seu impacto real.

A Directiva 2011/92/UE e a Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental transmiten unha mensaxe moi clara: cando varios proxectos pertencen ao mesmo plan ou comparten infraestruturas, a avaliación debe ser única, completa e sincera, e non pode artellarse a partir dunha suma de análises parciais.

A resolución non se explica só por criterios técnicos. Chega nun tempo no que o rural galego vive coa sensación de que as decisións sobre o seu territorio se toman lonxe, en despachos afastados que nin coñecen nin respectan a vida das súas parroquias. Por iso a suspensión provisional de Barqueiro e Santuario funciona como un respiro, mais tamén como un aviso firme de que a protección do territorio non pode quedar ao capricho dun modelo que procura avanzar sen unha avaliación honesta dos seus impactos. O principio de precaución, recollido no artigo 191.2 do Tratado de Funcionamento da UE e asumido pola lexislación ambiental española, reclama prudencia cando o dano ambiental resulta posible, e o TSX de Madrid fai seu ese criterio ao decidir que é mellor pausar o camiño e agardar a que o Tribunal Supremo esclareza cuestións que afectan a este conxunto de proxectos interconectados.

O efecto dominó: cando cae unha peza, todo o taboleiro treme

A paralización dos proxectos de ENEL non é un episodio illado. O que suceda co caso Moeche — xa nas mans do Tribunal Supremo— pode estenderse aos outros proxectos vinculados ao mesmo corredor de evacuación e ao mesmo deseño industrial. Nese grupo sitúanse Badulque e Tesouro, dous parques que forman parte da mesma estratexia de ocupación eléctrica e que agora quedan pendentes de saber se tamén sobre eles se aplicará o criterio de prudencia que xa se impuxo en Barqueiro e Santuario.

Mais o efecto dominó non remata aí. Na comarca de Bergantiños e na súa contorna, proxectos promovidos por Greenalia, como Tornado e Orzar, planean unha ocupación intensa dos montes entre Carballo e Coristanco. Estas instalacións, que se anuncian como proxectos separados, integran unha rede industrial que se superpón sobre corredores ecolóxicos e vías de conexión, de xeito que a súa avaliación individual non permite captar a dimensión completa do impacto. Se o Tribunal Supremo confirma a liña que agora inicia o TSX de Madrid, estes proxectos tamén poderían verse sometidos ao mesmo exame rigoroso e, eventualmente, ás mesmas suspensións.

O TSX de Madrid, ao suspender estes proxectos, dálle forma a esa reclamación e demostra que a protección do territorio non é unha retórica, senón unha obriga legal e ética que o Estado non pode eludir. Se o Tribunal Supremo mantén esta ruta, o mapa eólico estatal xa non poderá seguir adiantándose a golpe de expediente. Deberá abrirse a un diálogo real coa sociedade e co territorio. E isto, máis aló do xurídico e do político, supón a recuperación dunha voz que durante demasiado tempo se tentou silenciar.

Comparte éste artículo
No hay comentarios