Catro entidades de referencia na investigación, conservación e sensibilización sobre o medio mariño colaboran en NORAVES na procura de solucións para a problemática da mortalidade accidental de aves mariñas en artes de pesca
As augas que bañan as costa galegas e cantábricas son de vital importancia para un elevado número de distintas especies mariñas. Pola súa situación xeográfica constitúe un corredor de relevancia atravesado por millóns de aves europeas e de todo o Atlántico nas súas viaxes migratorias. Ademais, a riqueza dos seus ecosistemas costeiros e a súa productividade fan delas un hábitat excepcional para a alimentación e reprodución de poboacións relevantes a escala ibérica e europea dalgunhas especies.
Como resultado da importancia deste territorio para as aves mariñas, recentemente declarouse oficialmente a Zona de Especial Protección para as Aves Corredor Migratorio Galaico-Cantábrico Occidental, integrado na rede europea Natura 2000 xunto con outra serie de espazos distribuídos por este litoral.
Estes espazos protexidos e outras políticas de protección son cruciais para a conservación das aves mariñas, consideradas o grupo de aves máis ameazado do planeta. O seu elevado nivel de especialización e a súa sensibilidade aos cambios ambientais provoca que se vexan afectadas por un elevado número de impactos tanto no medio mariño como no terrestre. Como consecuencia, estímase que están en declive as poboacións de máis da metade das especies do planeta, e diversos estudos apuntan a que dende 1950 desapareceron máis de 230 millóns de aves, o 70% das existentes por aquel entón.
Unha dos principais problemáticas que afectan ás aves mariñas a nivel global é a mortalidade accidental (bycatch) en artes de pesca. Esta mortalidade é moi dependente das artes e modalidades de pesca empregadas, pero afecta a practicamente todas as especies de aves mariñas e a todas as flotas do planeta. Se ben é moi complicado establecer cifras concretas, un recente estudo de 2024 estima que só nas augas europeas ao redor de 200.000 aves mariñas son capturadas anualmente en artes de pesca.
Co obxectivo de que a actividade pesqueira sexa máis sostible, nos últimos anos están xurdindo un elevado número de iniciativas para avaliar o alcance do seu impacto e ensaiar diversas medidas de mitigación do bycatch.
Entre estas destaca o proxecto NORAVES, froito da colaboración de catro entidades punteiras na investigación, conservación e divulgación da biodiversidade mariña: o Centro Oceanográfico da Coruña, dependente do Instituto Español de Oceanografía – CSIC; a ONG conservacionista SEO/Birdlife; a cooperativa sen ánimo de lucro Cory´s e o CEIDA – Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, que actúa como entidade coordinadora da agrupación.
NORAVES desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, e se cofinancia pola Unión Europea polo FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura), e ten como obxectivo contribuír á mellora do coñecemento da magnitude do impacto do bycatch nas poboacións de aves mariñas da Demarcación Mariña Noratlántica, e realizar propostas de xestión e mitigación que contribúan á súa redución.
As entidades socias do proxecto aportan dende o seu ámbito de especialización as súas fortalezas e prolongada experiencia para alcanzar este obxectivo, a través dunha serie de actuacións: seguimento do uso do espacio mariño por parte das especies de aves mariñas a través do monitoreo do seu paso migratorio e a aplicación de innovadoras técnicas de seguimento remoto GPS-GSM para o coñecemento en tempo real dos seus movementos en alta mar; a modelización espacio-temporal da actividade no mar da actividade das flotas pesqueiras de altura e baixura e das aves mariñas, e a determinación das áreas prioritarias e de solapamento entre elas; a avaliación da mortalidade accidental existente mediante o estudo da información dispoñible e a colaboración co sector pesqueiro a través da realización de embarques, enquisas, cadernos de a bordo e emprego da app Bycatch; elaboración dun protocolo de rexistro estandarizado da mortalidad accidental; e un programa participativo e formativo para técnicos e profesionais do sector.
Xunto a estas accións, acadará especial relevancia a realización de probas piloto de medidas de mitigación da mortalidade accidental potencialmente aplicables na actividade pesqueira, que permitan reducir este impacto sen afectar ao rendemento pesqueiro.
O proxecto comezou en xullo de 2024 e estenderase ata comezos de 2026, e ten como piares fundamentais: a convicción no compromiso dos profesionais da pesca coas boas prácticas para a sostibilidade da pesca; a colaboración entre sector pesqueiro, ciencia, sociedade e admistración para a xestión do medio mariño; e a participación activa e en positivo do sector pesqueiro, na procura de solucións comúns que permitan garantir a coexistencia das nosas aves mariñas coa actividade e modo de vida dos profesionais dun sector tan importante para a sociedade como o pesqueiro.
Ademáis das catro entidades agrupadas no proxecto, son colaboradoras deste a Consellería d Mar da Xunta de Galicia, a Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, a Confraría de Pescadores de A Coruña e os Grupos Locais de Acción Pesqueira Golfo Ártabro Sur e Ría de Vigo – A Guarda.