Néstor Rego traslada ao Goberno as medidas urxentes que se deben tomar co obxectivo de protexer as maiorías sociais e as clases populares.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presenta a batería de medidas que a organización nacionalista envía ao Goberno para facer frente ás consecuencias da escalada bélica no Oriente Medio após a guerra imperialista iniciada polos Estados Unidos e Israel contra o Irán.
A guerra impulsada por Estados Unidos e Israel, sinala Rego, ten un “efecto directo e devastador sobre os países implicados, e particularmente o Irán” mais tamén é evidente que, nun contexto de globalización, “as consecuencias as acabamos pagando todas e todas, especialmente os sectores máis vulnerábeis: a clase traballadora e as populares”.
Frente a esta situación, Néstor Rego evidencia a necesidade de desenvolver “medidas de protección social” e avanza a entrega ao Goberno dun documento coa totalidade de propostas realizadas polo Bloque Nacionalista Galego.
Medidas para protexer as familias
Entre as principais medidas, o BNG reclama estabelecer un sistema que limite o prezo máximo dos alimentos e das subministracións básicas, co obxectivo de garantir o sostemento das economías das familias e das pequenas e medianas empresas.
“Estabelecer topes ás hipotecas e aos alugueiros para garantir o dereito a unha vivenda digna. En consecuencia, tamén a prohibición dos desafiuzamentos sen alternativa habitacional para as persoas vulnerábeis e a garantía do mantemento das subministracións básicas” engade Rego.
De forma moi directa sobre os combustíbeis, recordando que xa en moitos países se están levando a cabo medidas semellantes, o BNG propón topar o prezo da gasolina e o gasóleo -incluído o gasóleo da calefacción-, ademais de bonificar os combustíbeis para profesionais: transportistas, agricultores, gandeiros, pescadores, etc.
“Hai que extremar o papel da CNMC ante os prezos abusivos dos combustíbeis, da electricidade e do gas en aplicación da lei da competencia. Debe actuar, alén do seu carácter supervisor, como entidade sancionadora” defende o deputado do BNG.
Protexer aos sectores produtivos, PEMES e persoas autónomas
Son precisas, engade Rego, medidas de protección para os sectores produtivo e industrial frente ao impacto económico consecuencia desta guerra. “Nesta dirección, queremos que haxa un plan específico para o sector agrogandeiro polo incremento dos combustíbeis e dos insumos. Tamén un plan específico para o sector pesqueiro, altamente dependente dos combustíbeis fósiles, un sector vital para a economía galega” incide.
Do mesmo xeito, o deputado do BNG sinala que é necesario paralizar a entrada do acordo UE-Mercosur “máis aínda nun contexto de crise e incerteza como o que está a atravesar o conxunto do sector primario frente a todo o que aínda está por vir”. Paralelamente, é preciso o reforzo do cumprimento da Lei da Cadea Alimentar para impedir incrementos inxustificados nos prezos finais dos alimentos e impulsar a soberanía alimentar.
“Un Plan de emerxencia para as micro PEMES e persoas autónomas que polas súas características de maior vulnerabilidade vanse ver maiormente prexudicadas polo incremento dos prezos” demanda o deputado nacionalista, sinalando a importancia deste sector -de pequenos autónomos- na Galiza.
O Bloque Nacionalista Galego tamén defende eliminar as peaxes da AP-9 e AP-53 para aliviar o impacto económico nas persoas usuarias e os peso nos custos de transporte, loxística e empresas, nunha economía como a galega altamente dependente do transporte por estrada.
Reforma fiscal e redistribución da riqueza
“Entendemos precisa unha reforma fiscal máis progresiva que aumente a carga ás rendas máis altas e reforce a protección social para as persoas vulnerábeis. Especificamente, unha redución do IVE da cesta básica de alimentación e das subministracións básicas” afirma o deputado nacionalista.
Rego defende gravar as rendas máis altas e recuperar impostos ás petroleiras, ás grandes empresas enerxéticas, á banca e ás grandes fortunas para taxar os beneficios extraordinarios derivados da escalada de prezos e financiar políticas públicas de protección social. “Xa houbo un intento que aqueles tributos extraordinarios fosen permanentes e foi tombado pola dereita mais neste contexto é máis necesario do que nunca” salienta Rego.
Atender os servizos públicos: mecanismos para facer frente
“É preciso levantar as regras fiscais que limitan a capacidade dos concellos, deputacións, da Xunta e do propio Goberno para poder usar o superávit e os remanentes. Isto xa se fixo na anterior crise e, neste momento, é máis preciso destinalo a políticas sociais” subliña. Para alén disto, a organización propón crear un fondo de compensación extraordinario para as administracións locais e galega “co obxectivo de garantir a prestación de servizos básicos da súa competencia”.
“Se queremos que non haxa unha perda de poder adquisitivo, particularmente dos sectores máis vulnerábeis, deben subir o Ingreso Mínimo Vital, o salario mínimo e as pensións” reclama. Nesa mesma liña, incide Rego, é preciso actualizar o IPREM “que leva conxelado desde 2023” lembrando que o BNG aposta por suprimilo e tomar como referencia o SMI.