O pintor Moncho Branco doou quince obras inspiradas no Parque Escultórico da Coruña para unha poxa promovida pola asociación veciñal «AGRA».
O barrio da Agra do Orzán viviu este venres unha noite onde a cultura e a solidariedade déronse a man. A sede da asociación veciñal «AGRA», na rúa Entrepenas, acolleu a poxa de pinturas do doutor e artista Xosé Ramón Branco Buxán (Moncho Branco), cuxa recadación íntegra será destinada á Fundación Eira da Xoana.
A campaña, que arrancou o pasado 2 de marzo coa exposición Formas que nos unen, culminou onte cunha poxa que espertou o interese dos veciños e visitantes que durante as últimas semanas puideron facer as súas ofertas iniciais.
Un diálogo entre pintura e escultura
A velada comezou cunha visita guiada a cargo do recoñecido pintor coruñés Víctor Fernández, mestre de Moncho Branco desde hai anos. Fernández explicou o valor artístico dunha mostra que non só é un exercicio estético, senón un tributo á cidade.
As pezas de Branco Buxán reinterpretan o Parque Escultórico da Coruña, trasladando o volume das esculturas monumentais ao plano pictórico. A través de bodegóns e paisaxes, o autor explora a síntese formal e a forza da cor, buscando a esencia das liñas nunha proposta que combina abstracción e simbolismo.
Compromiso co medio ambiente: A Eira da Xoana
O obxectivo final desta iniciativa traspasa o artístico para entrar no terreo do ecoloxismo. Os fondos obtidos servirán para apoiar á Fundación Eira da Xoana, un proxecto nado baixo o paraugas de ADEGA.
Situada no corazón xeográfico de Galicia, a Eira da Xoana funciona desde 2007 como un centro de actividades onde se poñen en práctica os principios da defensa ecolóxica e a promoción da cultura galega, partindo da recuperación dunha vivenda rural en ruínas.