Auga Limpa Xa! retoma á protesta diante do incumprimento da Xunta e da CHMS

Catro anos despois de que as comarcas da Limia entrasen nos mapas de zonas afectadas pola contaminación por nitratos, coa obriga da Xunta de iniciar o procedemento para a declaración de Zona Vulnerábel, AQUÍ NON SE FIXO NADA.

Un mes despois de que o Tribunal Supremo español dese a razón ás veciñas e veciños das Conchas que demandaron á Xunta, á CHMS e a varios concellos pola vulneración de dereitos fundamentais que supón a contaminación das augas do río Limia, NON HOUBO MOVEMENTO NINGÚN POR PARTE DAS ADMINISTRACIÓNS DENUNCIADAS MÁIS CO DE INSISTIR EN ELUDIR AS SÚAS RESPECTIVAS RESPONSABILIDADES.

Estamos fartas e fartos de dilacións.

A sentencia determina que tanto a Xunta de Galicia como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil consentiron a contaminación da cunca do Limia e seguen a consentila. CONSENTÍRONA E SEGUEN A CONSENTILA, mirando para outro lado cando hai verquidos, atentando contra dereitos fundamentais, poñendo en risco á saúde de milleiros de persoas

A sentenza deu un prazo de tres meses para que as Administracións presentasen as medidas que han de adoptar. Mais hoxe nada se sabe desas medidas, e mesmo as declaracións públicas de ambas administracións indican que non están polo labor. SEGUEN NEGANDO O PROBLEMA, ELUDINDO A SÚA RESPONSABILIDADE.

Diante do desleixo e da absoluta falta de respecto polas as veciñas e veciños de Lobeira e, en xeral, da veciñanza da Limia, a plataforma chama a protestar colectiva e publicamente diante destas institucións PARA POÑER EN EVIDENCIA AOS SEUS XESTORES e a presionar con accións administrativas para que actúen de inmediato.

Reunión da plataforma Auga Limpa Xa! con outros colectivos veciñais e asociacións ecoloxistas o pasado sábado na Limia para coordinar as accións da protesta

A plataforma, en coordinación con outros colectivos, comezará unha campaña de accións o próximo 9 de abril en Ourense. Nesa data haberá un pase en Ourense do documental QUEN CONTAMINA A LIMIA?, producido por Noticias Dispersas e Radio Liverdade. A proxección será ás 19:30, na Casa da Cultura da rúa Concello, 11, en colaboración co Cineclube Padre Feijoo.


Nas semanas seguintes, Auga Limpa Xa! presentará denuncias diante dos órganos competentes a respecto da contaminación que se está a rexistrar en puntos de abastecemento de auga na Limia, con concellos nos que as augas están gravemente afectadas e que non están a advertir a poboación de que non se poden beber esas augas sen analizalas antes.

Animamos a toda a veciñanza da cidade e da provincia a coñecer e informarse do gravísimo problema de saúde pública que atravesan as comarcas da Limia, participar das accións de protesta e apoiar a nosa demanda de xustiza en defensa do dereito á vida e á saúde.

Imaxe de portada. Cartel da presentación en Ourense do documental QUEN CONTAMINA A LIMIA?

Comparte éste artículo
No hay comentarios