O Celta mostrou unha insultante superioridade en Lión e afastou dos cuartos de final da Liga Europa aos olímpicos. Javi Rueda, que anotou como na ida, deu a primeira volta á chave do pase e Jutglà, no prolongamento, deu a segunda que abriu a porta para seguir soñando en turco.
O cadro galo, desaparecido desde o primeiro intre, con Yaremchuk e Endrik reducidos á nada, xogou con dez gran parte do encontro pola xusta expulsión de Niakhaté. Na derradeira xogada tamén foi expulsado o arxentino Tagliafico, a quen non lle pitaron un escandaloso penalti sobre Javi Rueda no segundo minuto de partido.
Un clamoroso penalti non pitado sobre Javi Rueda e vermella a Niakhaté
Se alguén pensaba que o Lyonnais-Celta ía ter semellanzas co acontecido na semana anterior en Balaídos, errou. Claudio Giráldez, condicionado polas baixas de Mingueza e Borja Iglesias, sancionados por acumulación e o dobre amarelo, nomeadamente, da primeira man, colocou un once tremendamente agresivo, cunha capacidade de recuperación extraordinaria e unha aptitude para controlar a posesión impensable ante a fortaleza do cadro galo, ao que Paulo Fonseca lle cambiou a estrutura partindo dunha zaga de cinco homes e un ataque no que figuraban Yaremchuk e Endrik.
Un erro de Tagliafico, con roubo de Javi Rueda, que acabou sendo derrubado polo arxentino na área, non foi espantosamente considerado como penalti polo árbitro. A pisada no xeonllo foi brutal, até o punto de ser penalti e expulsión, pero logo que o xogador do cadro galego fora atendido, nin Dallas avisou a Peljto desde o VAR, nin o bosnio o pitou no minuto dous.
O Celta manexaba a pelota, recuperaba axiña e o Lyon pasou o primeiro período correndo atrás dela. Greif conseguiu parar o partido alegando unha doenza no minuto doce.
Pouco despois, o cadro galo achegouse en ataque cun pase de Tagliafico a Yaremchuk. O ucraíno xutou ao pau, pero estaba en fóra de xogo.
Javi Rueda, un pesadelo para o Lyon, seguía aparecendo pola dereita e, no minuto 19, logo de recibir e buscar o drible de saída, foi derrubado por unha brutal entrada de Niakhaté. Peljto mandou ao central do cadro galo aos vestiarios coa vermella directa.
Despois, o partido volveu deterse por unhas molestias de Tolisso, que seguiría no campo.
Superado o cuarto de partido, un pase de Fer López para Pablo Durán rematou cun xute desviado do porriñés.
O primeiro disparo válido des locais foi obra de Nartey. O coiro saíu desviado. A resposta non demorou cun pase de Sergio a Swedberg. O sueco controlou na área, pero non deu superado a acción defensiva de Greif no minuto 29.
O Celta continuou mandando e facendo lucir ao meta local, como nun xute de Fer López que o esloveno sacou a córner. Despois, no 40, repetirían os mesmos protagonistas con idéntico resultado.
Metidos no prolongamento do período inicial, Yaremchuk, dentro da área, cabeceou alto un centro de Morton.
O Celta converte ao Lyon nun xoguete
Dúas substitucións de Giráldez e unha de Fonseca non mudaron o carácter imperativo do Celta na segunda parte. O Lyon só asomou nunha falta de Fer López a Morton perto da frontal. Endrick lanzou por riba do marco no minuto 53.
O Celta deu resposta dous máis tarde cunha entrada de Sergio na área. Recibiu o pase de Hugo Álvarez para xutar sobre a marcha, pero Greif desviou pola liña de fondo.
Pasada a hora de xogo, o Celta trasladou o dominio do céspede ao marcador. Hugo Álvarez fixo o que quixo de Kango pola banda esquerda, centrou ao borde da área pequena antes de alcanzar a liña de fondo e o Celta, en superioridade, non anotou por medio de Jutglà, pero o balón acabou no pé dereito de Javi Rueda que fusilou a Greif por segunda vez na eliminatoria. Gozou de idénticas facilidades coma no gol de Balaídos.
Os olímpicos non reaccionaron. A seguinte oportunidade tamén foi celeste, cun xute desde fóra de área de Sergio que pasou a un metro do pau.
Paulo Fonseca modificou o ataque prescindindo de Endrick e Yaremchuk, totalmente anulados polo sistema de Giráldez.
No minuto 73, Javi Rueda mostrou a súa humanidade nunha contra pola dereita. Tivo tempo a decidir se un disparo ou un pase. A primeira opción desapareceu de inmediato pola posición, demasiado ladeada, e errou o pase a Jutglà porque un defensa rozou o mínimo para que o esférico non chegara ao ariete céltico.
O cadro galego era superior ao galo. Iago Aspas entrara para manexar definitivamente o tempo dos ataques. O Celta acalmou o partido. Sen présa, non deixou que o Lyon tivera opcións. O xogo francés vulgarizouse con centros á área e só un remate frouxo. Todo o tránsito aéreo pola área era controlado por Radu. A mágoa foi o cartón a Javi Rueda na parte final. Axiña viu que non sería da partida na ida da seguinte eliminatoria porque á contra, con Jutglà rompendo polo medio, o conxunto vigués sentenciou o pase. O catalán fixou ao eslovaco, escondeulle o xute e, sobre a sentada, anotou o 0-2.
Con todo decidido, Tagliafico, descentrado todo o tempo, acabou no vestiario cun dobre amarelo por unha labazada na cabeza de Hugo Sotelo. O arxentino, que debera ser expulsado no minuto dous, acabou séndoo no 95 cun dobre amarelo.
O Celta brillou en Europa e asoballou a un equipo poderoso, que rematara a fase de liga na primeira posición, con catro triunfos e só unha derrota e aínda non coñecía a derrota no seu campo na presente campaña.
O seguinte rival, no camiño a Estambul, será o Freiburg, con ida en Alemaña e volta en Galiza no mes de abril.
Ficha
XOVES 19/03/2026 (18,45) Campo: O. LYONNAIS (Décines-Charpieu-Francia) (41.754)
O. LYONNAIS : 0 – R.C. CELTA : 2 (0‑0)
LYO : Greif; Kango, Mata, Niakhaté, Tagliafico, Abner (Alfonso Moreira 67’); Tolisso, Morton (Fofana 82’), Nartey (Mangala 67’); Endrick (Šulk 67’), Yeremchuk (Tessemann D). Tre. Paulo Fonseca. (Banco: Descamps (g); Konan (g); Karabec; De Carvalho; Merah; Hamdani).
CTA : Radu; Javi Rodríguez, Starfelt (Aidoo D), Marcos Alonso; Javi Rueda, Vecino (Hugo Sotelo 81’), Moriba, Sergio; Fer López (Jutglà 57’), Pablo Durán (Iago Aspas 57’), Swedberg (Hugo Álvarez D). Tre. Claudio Giráldez. (Banco: Villar (g); Manu; Carlos Domínguez; Núñez; Ristić; Antañón; El-Abdellaoui).
Goles: 0-1 Javi Rueda 61’; 0-2 Jutglà 89’.
Árbitro: Peljto (Bosnia e Hercegovina). Auxiliares: Ibrišimbegović e Beljo. 4º árb.: Bilbija.
VAR: Dallas. AVAR: San.
Disciplina: CA: Swedberg 33’; Starfelt 43’; Fer López 53’; Tagliafico 82’; Javi Rodríguez 83’; Javi Rueda 88’ // // DA: Tagliafico 80’ e 90’ // VD: Niakhaté 19’.