Agora, ‘Padexa con nós’ viaxa o 18 e 19 de abril a Rianxo; o 9 e 10 de maio a Allariz; e, por último, o 13 e 14 de xuño en Lugo. Para formar parte dos cursos cómpre enviar un correo a voluntariado@fegapi.org ou utilizar as canles habituais de comunicación
A Federación Galega de Piragüismo vén de rematar o primeiro curso de formación básica do programa ‘Padexa con nós’ que desembocará na constitución da primeira ‘Rede Galega de Voluntariado Náutico Seguro’, unha ferramenta social pioneira en Europa que dotará a Galicia dunha bolsa de voluntarios con formación específica orientada á prevención de accidentes, primeiros auxilios e rescate en contornas náuticas deportivas.
O curso de 15 horas de formación e desenvolto ao longo desta fin de semana, contou con tres módulos de contidos. O primeiro, dedicado á ‘Prevención de accidentes en probas deportivas náuticas’ tratou sobre a tipoloxía de probas; identificación de riscos; factores ambientais; planificación da seguridade; normativa de seguridade; funcións e responsabilidades do voluntariado e comunicación e coordinación. O segundo, ‘Primeiros auxilios, RCP e uso do DEA’ desenvolveu os principios de primeiros auxilios; avaliación da vítima; actuación ante traumatismos, golpes de calor e hipotermia; afogamento; reanimación cardiopulmonar (RCP); uso do desfibrilador externo automático (DEA) e prácticas con material de primeiros auxilios. O terceiro, ‘ Rescate de deportistas en probas náuticas’ ocupouse dos principios básicos de rescate; seguridade do rescatador; manexo de material de salvamento; técnicas básicas de aproximación e extracción; uso de embarcacións de apoio e coordinación co resto do dispositivo.
En total, preto dunha vintena de voluntarios realizaron o programa formativo e pasan a formar parte da primeira ‘Rede Galega de Voluntariado Náutico Seguro’, podendo prestar apoio loxístico e de seguridade nas probas deportivas náuticas. Grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Galicia contará cun voluntariado profesionalizado que complementará e mellorará a capacitación, coordinación e eficacia da seguridade dos eventos deportivos.
No transcurso das xornadas o secretario xeral para o Deporte, Roberto García e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez compartiron uns minutos cos alumnos do curso.
Novas datas
Tras a celebración deste primeiro curso de formación básica en Verducido, ‘Padexa con nós’ viaxa á provincia coruñesa, o 18 e 19 de abril na Aula Activa do Mar en Rianxo. En Ourense, será o 9 e 10 de maio no Salón de Plenos da Casa do Concello de Allariz. E, por último, nas instalacións deportivas do Club Piragüismo Cidade de Lugo, en Lugo, o 13 e 14 de xuño. Os cursos estarán limitados a 25 persoas e os participantes escolleranse por orde de inscrición. Para facelo cómpre enviar un correo ao enderezo electrónico voluntariado@fegapi.org, chamar aos teléfonos da federación ou utilizar as canles habituais de comunicación.
Ademais, a posteriori, realizarase un curso de formación superior (60 horas), para quen desexe complementar e ampliar os coñecementos adquiridos e asumir tarefas de maior complexidade nas probas náuticas. Esta formación impartirase na sede da federación, en Verducido, os días 27 e 28 de xuño, 4 e 5 de xullo e 12 e 18 de xullo. O curso estará limitado a 20 persoas participantes, tamén por orde de inscrición.
Ademais tamén se levará a cabo unha formación en licencia de navegación a través da Federación Galega de Motonáutica: o domingo 26 de abril en Verducido e o sábado 20 de xuño en Lugo.