O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, o profesor Manuel Andrade, Coordenador da Área de Astronomía e Astrofísica do Departamento de Matemática Aplicada da USC, e a representación de Caixa Rural Galega presentaron o proxecto Eclipse 2026.8.12 en Lugo «unha serie de actividades que acabarán convertendo a Lugo no mellor punto de Galiza para ver o eclipse solar do 12 de agosto», explicou Rubén Arroxo.
O ciclo, que conta co apoio de Caixa Rural Galega, organízase en torno á actividade central, unha observación pública da eclipse total de Sol o 12 de agosto de 2026 en diferentes puntos da cidade, «que actualmente en estudo xunto co Concello de Lugo, cun protagonismo especial do adarve da Muralla e do Parque Rosalía de Castro», anunciou Rubén Arroxo. A sesión incluirá instalación de telescopios e prismáticos con filtros solares, dispositivos de proxección e reparto de lentes homologadas para garantir unha observación segura das fases parciais.
O intenso programa de actividades dará comezo cunha sesión pública de presentación do proxecto, aberta á veciñanza, na que se explicará o conxunto das actividades e os aspectos organizativos da xornada do 12 de agosto. Ao tempo poñerase en marcha a páxina web oficial e canles específicas en redes sociais, con información detallada sobre a ciencia das eclipses, horarios locais en Lugo, mapas, infografías e materiais didácticos, entre os que se inclúen vídeos explicativos sobre a ciencia, a historia e a relevancia cultural das eclipses, con especial atención á eclipse total de 2026, un tríptico informativo accesíbel cos aspectos básicos do fenómeno e recomendacións para a súa observación segura.
Comezará tamén un ciclo de conferencias temáticas impartidas por persoas expertas en distintos ámbitos. Cada sesión abordará de maneira rigorosa pero cercana os aspectos científicos, históricos e culturais vencellados coas eclipses. Nas datas inmediatamente previas á eclipse desenvolveranse dous obradoiros prácticos abertos ao público. Nas semanas previas instalarase un punto de información aberto ao público, no que se ofrecerán detalles sobre o programa, consellos de observación segura e no que se distribuirán materiais divulgativos. Desde alí facilitarase tamén información práctica sobre os distintos espazos habilitados para a observación.