O Racing Villalbés supera as baixas, quebra a mala xeira e derrota ao Cambados con tantos de Pablo Trigo

Un gol de Pablo Trigo en cada tempo, o segundo tras recoller o despexe de David Conde nun penalti, determinaron o triunfo do Racing Villalbés, que puxo fin a unha xeira de oito partidos sen gañar. O partido puido complicarse para os da Terra Cha na parte final, pero Álex Santomé salvou o penalti lanzado polo visitante Noel..

O Villalbés golpea cando peor o pasaba

Partido mesto o que disputaron o Racing Villalbés, que se presentaba con sete baixas, e un Cambados esperanzado na permanencia tras o triunfo ante o Barbadás, que o sacaba da zona de descenso.
O Racing Villlabés foi quen tomou inicialmente as rendas do xogo. A primeira ocasión foi de Herrero. O exterior recolleu a pelota na media lúa para executar un disparo que rexeitou David Conde.
O Cambados foi equilibrando o dominio e inclinou o campo cara á meta de Álex Santomé no segundo cuarto de partido. Foi a partir do minuto 24, cando Tavares lanzou un libre directo perto do traveseiro.
O cadro amarelo comezou a bombardear a meta visitante con catro lanzamentos case continuados. Curiosamente, puideron adiantarse cun gol en propia porta de Gael. O mediocentro tapou o centro de Dieguito desde liña de fondo e mandou a pelota perto da base do poste da súa portería no minuto 29.
Incrible foi o acontecido á media hora, onde os do Salnés mandaron dous disparos seguidos a ambos paus. Rodri, desde as proximidades do punto de penalti, tirou o primeiro, e Dieguito, que apañou o rebote, pegoulle ao outro.
Cando mellor xogaban os visitantes, o Racing Villalbés golpeou á contra. Pablo Trigo recibiu na área, encarou a David Conde e bateuno por alto.
O cadro local conseguiu chegar ao descanso sen que aconteceran máis cousas.

Tempo para os penaltis errados

Noi houbo substitucións para comezar o segundo tempo e o partido mantívose nos parámetros que os locais estableceran para rematar a primeira metade.
Houbo que esperar ao minuto 67 para atopar algo que relatar. Pablo Trigo recibiu a pelota na área, orientou na perpendicular ao pau e foi derrubado por Alberto Lago. Malia as protestas visitantes, que engadiron dous cartóns amarelos ao do autor da falta, Cuesta Arribas mantívose impertérrita perto do punto fatídico. O propio atacante lanzou á dereita de David Conde, que conseguiu rexeitar,pero o ex fabrilista recolleu de novo a pelota para anotar comodamente o 2-0.
O tanto abaixou a moral dos visitantes, que puideron recibir un terceiro á contra. Rey recortou ao seu defensor, pero tirou polo centro facilitando a parada de,David Conde no minuto 74.
Máis complicado foi o despexe do meta forasteiro ante un xute raso de Mosquera no seguinte minuto. O cerbero, rápido de reflexos, tapou a base do pau e salvou o gol nunha complicada intervención.
O partido puido entrar noutra dimensión na parte final, cando a colexiada sinalou penalti por un derribo na área local. Álex Santomé mostrouse como un dos grandes metas da categoría e detivo a pena máxima lanzada por Noel.
Na parte final, Pablo Trigo, antes de ser reemprazado, mandou un balón ao traveseiro e Álex Santomé volveu a lucirse cunha estirada a un xute raso de Noel.

Outras noticias de Carlos Castro

Ficha

DOMINGO 12/04/2026 (12,00) Campo: A MADALENA (600)
RACING C. VILLALBÉS : 2 – C.J. CAMBADOS : 0 (1‑0)

VIL : Álex Santomé; José Varela, López, Edu Reigosa, Buyo; Borja Míguez, Gael, Rey (Santi Prado 88’), Make, Herrero (Mosquera 64’); Pablo Trigo (Anthony 89’). Tre. Juan Rodríguez. (Banco: Yago Miguélez (g); Sergio Otero; Hamza; Migui; Gegunde).
CAM : David Conde; Álex Fernández, Alberto Lago (Adrián 85’), Brais Parada (Deco 85’), Tavares; Noel, André, Gregorio (Nico 85’), Rodri, Dieguito (Diego Hernández 76’); Alberto (Zalo 76’). Tre. Pénjamo. (Banco: Roberto Pazos (g); Charlín).
Goles: 1-0 Pablo Trigo 33’; 2-0 Pablo Trigo 68’.
Árbitra: Cuesta Arribas (Galiza-A Coruña). Auxiliares: Represas Rodríguez e Amor Vázquez.
Disciplina: CA: Brais Parada 3’; Make 23’; Herrero 35’; Alberto Lago 67’; David Conde 67’; André 67’.
NOTAS: 68’ David Conde rexeita un penalti lanzado por Pablo Trigo, que marca logo do rebote; 77’ Álex Santomé para un penalti lanzado por Noel.

Foto: Noel, que erraría un penalti, tentando saír da tela de araña tecida polos locais. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios