A Plataforma Cidadá Demolición Non, nace do profundo malestar do que sentimos e sabemos como unha agresión cara o noso patrimonio.Ponteareas precisa de espazos públicos para ser destinados a usos sociais e culturais, aos que a cidadanía ten dereito de seu.Os gobernos locais teñen o deber de promover espazos para as necesidades colectivas e saber canalizar todo ese potencial humano para o ben común.Vivimos en colectividade e dende aí nos construímos como pobo, dende aí, o sentimento de pertenza ao grupo nos fortalece como sociedade.Asociacións de nais e pais, asociacións deportivas, asociacións sen ánimo de lucro e de iniciativa social, asociacións de veciñanza, asociación de mulleres, asociacións de maiores, asociacións culturais, asociacións de alfombristas, asociacións de música, asociacións de tempo de lecer, entre moitas outras, son o tecido do pobo, canalizan necesidades, desexos e expectativas para unha vila chea de vida.
Esta decisión unilateral, este botar a baixo un edificio público, un edificio noso, coa escusa de plantar árbores, resúltanos insultante. Ninguén se opón a plantar máis árbores no parque da Feira Vella pero demoler a escola infantil para tal fin, non é unha opción.Temos un edificio e como calquera construción de uso público, naceu para albergar actividade e o seu estado estrutural, pode garantilo con total seguridade.Coa entrada de Nava Castro, Juan Carlos Carrera e Domingos Freitas no goberno, a realidade de poder ter espazos para as entidades socioculturais viuse truncada co cambio de uso do que ía ser o primeiro Centro Cívico de Ponteareas. Destinado actualmente a residencias artísticas, ou o que é o mesmo, espazos de creación con pernocta durante unhas semanas, a día de hoxe está totalmente infrautilizado.
O edificio conta con oito espazos ocupados por camas, fechados a maior parte do tempo. Só fai falta consultar as redes do Artistea para comprobar que dende novembro do ano pasado, non houbo ningunha outra residencia artística.Independentes Ponteareas, encabezado por Domingos Freitas desmarcouse da demolición facendo público un comunicado en redes sociais. José Carlos Carrera, entre dentes, no íntimo, atrévese a mostrar o malestar pero por agora, a arroutada de Nava Castro segue adiante e non hai quen a pare. Por estes motivos aquí expostos, solicitamos aos medios de comunicación que se fagan eco do malestar da cidadanía e da firme convinción de que só nós podemos parar esta agresión contra un ben inmoble de todas e todos.