O Portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, recibiu a unha delegación do BNG de Narón que visitou hoxe a cidade. Na visita, Arroxo amosou «o gran cambio» que deu Lugo nos últimos 7 anos co BNG no goberno da cidade e afirmou que «temos grandes proxectos, como a recuperación da Muralla para as persoas ou a importante programación cultural, pero tamén pequenas accións que foron mellorando a calidade de vida das e dos veciños de Lugo no seu día a día».
Olaia Ledo (portavoz municipal), Geno Carballeira (concelleiro) e Beatriz Mosquera(concelleira), visitaron a Mosqueira, o primeiro gran cambio da cidade executado polo BNG. «Transformamos un espazo polo que pasaban centos de coches cada día nunha praza peonil polivalente, que se converteu nun gran espazo de convivencia e nun gran espazo cultural», dixo Arroxo, que engadiu «aplicamos este modelo tanto na contorna da muralla como nos distintos barrios, gañamndo miles de metros cadrados de novos espazos peonís en zonas como a Milagrosa, o Sagrado Corazón, Recatelo, Acea de Olga ou a Piringalla».


O portavoz do BNG afirmou que «o traballo non só consiste en grandes obras como a Mosqueira ou Recatelo, tamén en mellorar os barrios, crear zonas de convivencia e mellorar o día a día das veciñas e veciños».
Rubén Arroxo destacou tamén «a importancia de dar peso á cultura local, apoiando o traballo das e dos artistas de Lugo e recoñecendo a súa calidade, malia que o PP desde a oposición sempre criticou que eran grupos de escaso nivel».
Arroxo puxo en valor o traballo realizado durante estes anos de cara a dinamizar a Praza de Abastos e o Mercado Municipal. «Hoxe podemos ver dous espazos cheos de vida, ocupados por novas xeracións de vendedoras e vendedores que continúan a achegar productos de calidade a estas dúas instalacións históricas que contan cun emprazamento totalmente renovado», afirmou Arroxo.