O secretario xeral provincial do PSdeG na Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, e o deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, participaron este mediodía na manifestación celebrada en Pontecesures contra o ERE en Nestlé. Na mobilización tamén estiveron presentes o alcalde de Padrón, Anxo Arca, o alcalde de Dodro, Xavier Castro, e o tenente de alcaldesa de Pontecesures, Roque Araújo.
Bernardo Fernández Piñeiro explicou que dende o PSdeG “apoiamos e respaldamos as xustas reivindicacións do comité de empresa e dos traballadores e traballadoras da factoría de Nestlé en Pontecesures”, unha factoría na que, lembrou, “traballan moitos veciños e veciñas da contorna”, especialmente de concellos da provincia da Coruña como Padrón e Dodro.
Fernández Piñeiro subliñou que a situación afecta a numerosas familias da comarca e lamentou que a Xunta de Galicia non actuase ata o momento. “Nada sabemos da administración que ten as competencias exclusivas en materia de industria”, afirmando que “ata o día de hoxe non moveu nin un só dedo para esixirlle á empresa que se sente a negociar cos traballadores, que suspenda ese ERE e que se atope unha solución a esta problemática”.


O rexedor reclamou que a Xunta “cumpra coa súa obriga” e exerza as competencias que ten en materia industrial para resolver o conflito.
Pola súa banda, Aitor Bouza destacou que dende o PSdeG “apoiamos a reivindicación de todos os traballadores e traballadoras da fábrica de Nestlé” e lembrou que nas últimas semanas mantiveron unha xuntanza co comité de empresa para escoitar de primeira man as súas demandas ante o ERE que se plantexou.
Bouza asegurou que o PSdeG non só comparte estas reivindicacións, senón que levará esta cuestión ao Parlamento de Galicia. “Trasladaremos esta cuestión ao Parlamento para esixirlle á Xunta de Galicia e ao señor Rueda que non se quede como un goberno que mira un problema que ten Galicia, senón que se implique en buscar e procurar unha solución”, sinalou.
O parlamentario socialista incidiu en que a situación afecta “a moitos galegos e galegas” e definiu a planta de Nestlé como “unha fábrica de referencia”. Por iso, reclamou “a implicación da Xunta de Galicia e do presidente da Xunta na súa primeira persoa”.