O PP lucense lamenta que o Goberno de Sánchez non adquira ningún compromiso para actuar na desembocadura do río Ouro en Foz

O portavoz do PP local, Javier Castiñeira, subliña que “levamos anos reclamando a dragaxe da desembocadura do río sen que nos fixeran caso” e engade que se trata dun “posible delito ecolóxico” porque “nunha zona de marismas e desembocadura dun río debería haber un contacto natural entre o mar e o río”.

O PP advirte que “o Goberno de Sánchez non asume ningún compromiso para actuar na desembocadura do río Ouro, na zona da Pampillosa, en Foz”. Ante a resposta oficial do Goberno do Estado ás preguntas formuladas polos senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- a petición do PP de Foz, “entendemos que o Goberno de España non previsto ningunha actuación”.

A desembocadura do río Ouro, un dos máis importantes da Mariña, atópase taponada pola acumulación de pedras e sedimentos que impiden a correcta evacuación da auga cara ao mar. De feito, embalsa río arriba incrementando o risco de desbordamentos que poidan provocar danos ás persoas e infraestruturas próximas ao río. E sae ao mar polo medio dunha escollera que se pode ver debilitada pola acción da auga.

Os populares lembran que “levamos anos reclamando a dragaxe da desembocadura do río sen que nos fixeran caso” e advirten da “gravidade” deste asunto porque “estamos ante un posible delito ecolóxico nunha zona de marismas e desembocadura dun río onde debe haber un contacto natural entre o mar e o río”, segundo matiza o portavoz do PP local, Javier Castiñeira. 

O senador mariñán José Manuel Balseiro condena “o abandono e a falta de mantemento da desembocadura do río Ouro” e sinala a confluencia de máis deficiencias na zona: o desvío do río por outro canal diferente, o tubo do emisario á vista, a falta de mantemento do paseo e de limpeza na praia que permita dotar á zona dun areal aproveitable e dun espazo seguro. Balseiro tamén subliña que “pode haber enchentes ou outros problemas que afecten ás vivendas e outras propiedades situadas á beira do río”.

O senador popular afea “a falta de peso do PSOE de Foz” despois de que a portavoz socialista do goberno asegurara que “levaban moito tempo co tema” porque, de ser así, “o que demostran é que os seus compañeiros do PSOE no Goberno do Estado non lle fan caso aos socialistas de Foz”.

Os populares urxen ao Goberno de Sánchez a actuar, pero tamén reclaman “actuacións periódicas para garantir o correcto estado da desembocadura do río Ouro ao longo do tempo”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios