Concello e EcoLugo acordan un plan de limpeza intensiva en distintos barrios da cidade que precisan un reforzo do servizo

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión de traballo con responsables de EcoLugo, empresa concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida de residuos, para establecer unha folla de ruta orientada a reforzar a eficacia dos traballos de limpeza en determinadas zonas.

Segundo consta na comunicación da empresa que se adxunta as actuacións previstas en Fontiñas inclúen baldeo e hidrolimpeza intensiva de beirarrúas, cun operativo formado por un maquinista, un capataz supervisor e o persoal habitual de limpeza viaria da zona, ademais dunha máquina lavaceras eléctrica.

Para facilitar os traballos, o servizo iniciarase unha hora antes do habitual co obxectivo de actuar previamente nas zonas con terrazas. O Concello e a empresa concesionaria contactarán cos locais da zona para solicitar a retirada das terrazas durante a noite anterior e así garantir unha limpeza máis eficaz e homoxénea.

Desde o goberno local destacan que este plan busca actuar con maior rapidez e eficacia nas incidencias que afectan ao espazo público e avanzar cara a unha cidade máis limpa, máis coidada e máis agradable para a veciñanza.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios