O concelleiro socialista Jorge Bustos esixiu hoxe a Elena Candia que o Concello de Lugo non perda os avances acadados para facer realidade a praia fluvial pública. Bustos reivindicou o traballo desenvolvido polo anterior Goberno local no entorno do parque das Saamasas, un proxecto estratéxico pensado para recuperar a relación da cidade co río Miño e ofrecer á veciñanza un espazo de lecer seguro, accesible e integrado na contorna natural.
Ante a proximidade do período estival, o edil do PSOE reclamou ao actual Executivo municipal que aclare de inmediato se pensa continuar coa tramitación desta iniciativa ou se, pola contra, renuncia definitivamente a ela. Os socialistas solicitarán tamén coñecer que alternativas manexa o Goberno local para garantir unha zona de baño accesible e, no caso de que exista vontade de poñela en marcha este mesmo ano, cando prevé a súa apertura pública.
Un proxecto integral en tres sectores
Bustos lembrou que o anterior executivo avanzara nunha proposta concreta que abranguía tres sectores diferenciados: a zona dos Robles, o ámbito central do parque das Saamasas con acceso ao baño e unha terceira área de baño libre no entorno da recentemente rehabilitada Fábrica da Luz. Un plan que, segundo explica, “respondía a unha demanda histórica da cidadanía lucense e que pretendía compatibilizar o uso público do río coa protección ambiental do entorno”.
O concelleiro socialista advertiu de que as últimas informacións da Xunta sobre a prohibición permanente do baño en distintas zonas fluviais de Galicia “non poden converterse nunha escusa para deixar o proxecto no caixón”. Fixo referencia así ao listado definitivo da Dirección Xeral de Saúde Pública (publicado o pasado 13 de maio) que veta o baño en 42 puntos galegos por criterios de calidade da auga e seguridade.
O aval da calidade da auga e a memoria dos Robles
Neste sentido, Bustos contrapuxo a situación de Lugo co resto de Galicia: «En Lugo existe un precedente moi esperanzador, porque a única zona autorizada para o baño é precisamente a dun club privado situado a escasos metros da localización proposta para a nova praia fluvial, e ademais cunha cualificación de excelente. Este feito avala a viabilidade da iniciativa e reforza a necesidade de seguir traballando para conseguir a autorización da Xunta”.
Así mesmo, puxo en valor o carácter tradicional da zona dos Robles como espazo de baño dos lucenses durante décadas. “Falamos dun lugar que forma parte da memoria colectiva da cidade e que reúne as condicións idóneas para materializar definitivamente esta idea”, afirmou.
Finalmente, o edil explicou que o estudo de alternativas manexado polos socialistas contemplaba tamén a posibilidade de colaborar coa Deputación de Lugo para renovar e ampliar a zona do pantalán da escola de piragüismo. “Era unha solución técnica que permitía adaptar novas infraestruturas ás xa existentes, reducindo ao mínimo a afección sobre o leito do río e dando resposta ás esixencias ambientais formuladas pola Consellería”, indicou.