Hai gobernos que escoitan. E hai gobernos que simplemente agardan a que a xente deixe de protestar. O de Pedro Sánchez pertence ao segundo grupo.
Cando os distribuidores de Lugo advirten de que as axudas ao combustible non funcionan, o Goberno non escoita. Cando piden que as bonificacións e rebaixas fiscais que rematan a finais deste mes se prorroguen tampouco escoita.
Non se tratada dunha demanda partidista. Falamos de atender aos propios profesionais. Dos empresarios que cada madrugada cargan unha furgoneta para abastecer tendas, supermercados, bares e negocios. Dos que percorren centos de quilómetros ao día para garantir que os produtos cheguen aos lugares máis afastados. Dos que seguen mantendo emprego, actividade económica e servizos sen despedir traballadores e sen deixar tirados aos seus clientes. Daqueles que sosteñen unha parte esencial da economía real.
Esta xordeira na nosa provincia resulta aínda máis incomprensible. Vivimos nun territorio extenso, de poboación dispersa e rural. Unha provincia onde a distribución non é unha actividade secundaria, senón un servizo básico. Cada quilómetro conta. Cada litro de combustible conta. Cada incremento de custos acaba repercutindo nun sector que leva anos facendo auténticos equilibrios.
Os distribuidores non están pedindo subvencións permanentes nin privilexios especiais. Están reclamando que as axudas teñan en conta a realidade do seu traballo, que non se deixe fóra ás furgonetas e vehículos lixeiros dos que dependen centos de empresas e autónomos e que se prorroguen unhas rebaixas fiscais aos combustibles que rematan a finais deste mes. En definitiva, piden algo tan sinxelo como que depender do combustible para traballar non sexa tratado coma un luxo.
Cando o Executivo socialista deixa de escoitar aos cidadáns, aos sectores produtivos, cando ignora a quen crea emprego e riqueza e cando responde ao silencio con máis silencio, o problema deixa de ser económico para converterse nun problema político. E iso é exactamente o que está ocorrendo.
Mentres os distribuidores fan números para manter abertas as súas empresas, mentres os autónomos tentan absorber custos cada vez maiores e mentres moitos negocios do rural dependen da súa capacidade para seguir chegando a cada aldea e a cada parroquia, o Goberno segue instalado na autocompracencia e na propaganda.
Os distribuidores falan. E o sanchismo non escoita. Porque non hai peor xordeira que a de quen non quere oír.