O CICA da Universidade da Coruña abre unha nova convocatoria de bolsas para incorporar estudantes a proxectos de investigación interdisciplinares

Oito axudas de 2.000 euros permitirán realizar Traballos Fin de Máster en equipos científicos da Universidade da Coruña que traballan en saúde, sustentabilidade, nanotecnoloxía e novos materiais.

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acaba de presentar a primeira convocatoria de bolsas destinada a estudantes de máster que desexen desenvolver o seu Traballo Fin de Máster con grupos do centro de investigación.

A iniciativa, presentada durante a xornada de portas abertas celebrada nas instalacións do CICA, permitirá conceder ata oito axudas de 2.000 eurosao alumnado que se incorpore a proxectos desenvolvidos conxuntamente por persoal investigador de distintas áreas científicas.

Durante este encontro, estudantes procedentes de diferentes titulacións tiveron a oportunidade de coñecer os laboratorios do centro e conversar cos equipos responsables das propostas, concibidas para achegar o alumnado á investigación desde o inicio dos seus estudos de posgrao.

As oito liñas ofertadas reflicten o carácter interdisciplinar que define o CICA e abordan algúns dos grandes desafíos científicos actuais. Entre elas inclúense proxectos relacionados co desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas para enfermidades oculares e cancro, a aplicación da nanotecnoloxía en biomedicina, a procura de solucións fronte á resistencia aos antibióticos, a terapia xénica, a imaxe médica avanzada ou o deseño de materiais para o almacenamento sustentable de enerxía.

As propostas estarán vinculadas a diferentes posgraos oficiais da Universidade da Coruña, permitindo que estudantes de ámbitos como a química, a bioloxía, a biotecnoloxía, as ciencias ambientais, a bioinformática ou as ciencias da saúde poidan incorporarse a contornas de investigación activas e altamente especializadas.

A convocatoria forma parte da estratexia do CICA para fortalecer a formación investigadora e favorecer a incorporación de novo talento aos equipos científicos do centro. Máis aló do apoio económico, as bolsas ofrecen a posibilidade de participar en proxectos desenvolvidos en colaboración entre distintas áreas de coñecemento coa perspectiva One Health, un modelo de traballo cada vez máis necesario para abordar retos complexos relacionados coa saúde humana, a sustentabilidade e a innovación tecnolóxica.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto entre o 30 de xuño e o 30 de xullo de 2026. A selección das persoas beneficiarias realizarase exclusivamente en función do expediente académico, co obxectivo de recoñecer a excelencia e facilitar que estudantes con especial interese pola investigación poidan iniciar a súa traxectoria científica nunha contorna de referencia dentro da Universidade da Coruña.

Toda a información na páxina web do CICA: https://cica.udc.gal/tfm/

Sobre o CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas e que, actualmente, conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.  

Desde 2024, o CICA conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do Pograma Galicia FEDER 2021–2027 e forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación no sistema universitario galego.   

A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios