As presenzas galegas de Camões póñenlle o ramo dende Vigo á celebración do quinto centenario do gran clásico das letras portuguesas

A sesión da tarde inclúe a presentación do libro Camões en Galicia, de Xosé Manuel Dasilva, unha conferencia do presidente da RAG sobre o estereotipo do galego e da súa lingua no Portugal do século XVI; e mais as achegas do profesores portugueses Micaela Ramos e José Carlos Seabra Pereira.

O país veciño púxolle oficialmente fin o pasado 10 de xuño, Día de Portugal, a dous anos de conmemoracións do quinto centenario do seu bardo, mais a festa na honra de Luís de Camões continua aínda en Galicia, de onde procedían os seus devanceiros e onde suscitou tamén paixóns nas nosas letras. Vigo éhoxe o epicentro da celebración galega cunha xornada aberta ao público que, baixo o título De aquí o xerme saíu. Presenzas galegas de Camões, arrincará ás 12:30 horas coa inauguración dunha exposición. A mostra exhibirá, entre outros documentos, unha proba da galeguidade do tataravó do homenaxeado. O programa continuará pola tarde coa presentación dun libro de Xosé Manuel Dasilva sobre a súa relación con Galicia, relatorios que se deterán, entre outros temas, n’Os Lusíadas (1572), o poema épico de Camões que narra a viaxe marítima de Vasco da Gama á India; e un recital de poemas da súa autoría no que César Morán cantará o seu Verdes são os campos na versión musicada de Zeca Afonso.

A Casa Galega da Cultura acollerá todas estas propostas nun día que rematará na praza de Portugal cunha ofrenda floral diante do busto de Camões (20 horas). A organización corre a cargo da Fundación Penzol, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a Estrutura de Missão para as Comemorações do V Centenário do Nascimentode Luís de Camões, e conta coa colaboración do Concello de Vigo, o Consulado-Geral de Portugal em Vigo, a Editorial Galaxia e o  Camões – Centro Cultural Portugués em Vigo.

Un clásico que segue a nos interpelar

Cinco séculos despois Camões “transborda contemporaneidade”, destaca JoaquimCoelho Ramos, comisario xeral adxunto da Estrutura de Missão para as Comemoraçõesdo V Centenário. “Celebramos Camões porque precisamos del, porque nos interpela, en cada un dos seus textos, a discutir cuestións que están hoxe no centro da orde do día: a diversidade cultural, o choque e o diálogo entre pobos, a valorización da diferenza, mais tamén o pracer do coñecemento e a exploración da inesgotable temática da viaxe”, apunta. 

“Temos, aquí e agora, unha oportunidade de ouro para reposicionar a centralidade da obra deste Luís pleno de contradicións, non como unha herdanza estática do pasado, mais como unha ferramenta vital de navegación para o presente”, engade o representante luso, quen se refire así mesmo as raíces galegas do autor. “Ollar para o home por detrás do mito, sen esquecer o mito que alimenta o home, esixe, aquí en Vigo, recordar que o apelido que hoxe resoa universalmente como sinónimo de Portugal terá unha matriz xenética en Galicia, na vella liñaxe das terras de ‘Camos’. Recordar a orixe galega do nome de Camões non é un mero detalle biográfico; é asumir a xénese dunha visión do mundo que naceu dese abrazo primordial co norte para, máis tarde, facerse universal”, reflexiona Joaquim Coelho Ramos.

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, agradece a ampla participación portuguesa nesta celebración dun autor sempre recoñecido pola Academia, que xa celebrara con solemnidade en 1924 os catrocentos anos do seu nacemento. Daquela contara entre os seus convidados co poeta Eugénio de Castro, membro correspondente da institución, lembra. Cen anos despois, “a xornada de hoxe enmárcase nesa liña de continuidade que une a Real Academia Galega coa cultura portuguesa desde os seus comezos, unha tradición na que Camões sempre foi atendido en recoñecemento da grande influencia que deixou nas nosas letras”, comparte o presidente da RAG.

Manuel Puga Pereira, presidente da Penzol, convida a cidadanía galega a se achegar a Camões a través da mostra e sinala tamén a irmandade da fundación con Portugal desde as súas orixes. “Este quinto centenario de Camões non podía quedar fóra da nosa programación anual tanto polas raíces do autor coma pola intensa relación da Penzol coa cultura portuguesa desde sempre. A lección inaugural das nosas primeiras instalacións na rúa Policarpo Sanz impartiuna o filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa”, recorda.

De aquí o xerme saíu. Presenzas galegas de Camões dálle continuidade á outra beira do Miño á participación galega no quinto centenario de Camões en Portugal. O pasado mes de novembro a RAG e o CCG participaron en Lisboa no Colóquio Internacional Sob o signo de CamõesCânones e heterodoxias, con conferencias e unha exposición bibliográfica coorganizada por ambas as institucións.  A vicepresidenta do Consello, Dolores Vilavedra, enmarca tamén ambas as dúas citas no compromiso firme da súa institución “con todas aquelas iniciativas que supoñan alicerzar e alimentar o diálogo coa cultura portuguesa”, que inclúe outros proxectos como Dramaturxias itinerantes. “Esperamos que esta conmemoración camoniana sexa un punto de inflexión, no coñecemento do escritor e a súa obra na nosa terra, mais tamén un decidido paso adiantenese diálogo imprescindible entre Galicia e Portugal”, conclúe.

Exposición e Camões en Galicia’

A exposición De aquí o xerme saíu. Presenzas galegas de Camões será inaugurada ás 12:30 horas por representantes de todas as entidades organizadoras e colaboradoras e mais polo seu comisario, o subdirector da Penzol, Xosé Manuel Dasilva. A mostra inclúe unha parte bibliográfica, pertencente aos fondos da Penzol, que dá conta da recepción da obra e da figura do escritor en Galicia, e mais valiosa documentación entre a que figura o privilexio do século XIV en que Henrique III priva do seu señorío na vila de Baiona a Vasco Pérez de Camões, tataravó do poeta.

O catedrático da Universidade de Vigo abrirá ademais a sesión da tarde (16:30 horas) coa presentación de Camões en Galicia (Galaxia, 2026). Neste volume Dasilva, destacado camonista, reúne unha serie de estudos que afondan nas pegadas galegas do mestre e querevelan o alento camoniano de figuras senlleiras da cultura galega, dende o padre Sarmiento a Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Eduardo Pondal, autor d’Os Eoas, a “proposta de meirande ambición” das letras galegas —apunta— que tratou de conseguir os mesmos logros ca o portugués coa epopea Os Lusíadas.

A recepción galega de Camões no ámbito peninsular é singular, explica Dasilva. “No eido español tendeuse máis ben á apropiación da súa figura, ao ser un autor de aceptabilidade complicada fundamentalmente pola envergadura patriótica d’Os Lusíadas.En Galicia distínguese, emporiso, unha constante propensión á adopción máis que á apropiación en si. Noutras palabras, non se adquire pola forza como propio o que é alleo, e utilízase, en cambio, para encher ante todo un baleiro inducido polo noso devir histórico. Por unha banda, Camões foi tomado en calidade de referencia, a través dunha serie de liñas de forza. Por outra, constituíu unha influencia, a cal se plasmou de dous modos: por imitación, como poeta lírico; e por emulación, como poeta épico”, detalla no limiar.

A visión tópica dos galegos e da súa lingua

O presidente da RAG intervirá tras a presentación do libro de Xosé Manuel Dasilva cun relatorio sobre a visión da lingua galega e dos galegos no Portugal do século de Camões,certamente pouco positiva, como lamentara o padre Sarmiento en referencia ao verso d’Os Lusíadas que di “Ó sórdidos galegos, duro bando”. “Nos textos portugueses da súa época xa existe unha imaxe construída do falar galego e do tipo humano asociado a ese falar. E Os Lusíadas consagra eses tópicos da cultura portuguesa, que polo menos xa estaban asentados na mentalidade lisboeta, sostén Henrique Monteagudo, quen rastrexou o tópico denigrante do galego ata a literatura portuguesa e propón que dito estereotipoxurdiría en Portugal para logo se estender a Castela.

Da banda portuguesa,  a xornada contará tamén con Micaela Ramon, profesora da Universidade do Minho, co relatorio “Um dia Camões nasceu e nunca mais morreu: mecanismos de preservação da memória literária no século XXI”; e mais José Carlos Seabra Pereira, profesor da Universidade de Coimbra, coa contribución titulada “Inquietação e conhecimento na poesia de Camões (materia perigosa?)”.

A partir das 18:30 h a Casa Galega da Cultura será escenario do recital poético-musical coordinado pola directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, no que lle porán voz a versos de Camões as académicas Chus Pato e Fina Casalderrey, o académico correspondente Ramón Nicolás, a xornalista Cláudia Morán, a escritora e investigadora Rexina Vega, Henrique Monteagudo e a propia Aleixandre. César Morán pechará este apartado coa interpretación de “Verdes são os campos”.

Participación interinstitucional

O Consulado-Geral de Portugal em Vigo rematará á xornada coa ofrenda floral diante do busto de Camões (20 h) na praza de Portugal. Nela participarán todas as institucións implicadas, representadas na xornada polo presidente da Penzol, Manuel Puga Pereira; o presidente da RAG, Henrique Monteagudo; a vicepresidenta do CCG, Dolores Vilavedra; o cónsul xeral de Portugal en Vigo, João Bezerra da Silva; o comisario xeral adxunto da Estrutura de Missão para as Comemorações do V Centenário do Nascimento de Luís de Camões, Joaquim Coelho Ramos; e mais a representación do Concello de Vigo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios