Co apoio especializado de UNAYTA, o proxecto permitirá preservar e facer accesible na plataforma Galiciana.gal un valioso patrimonio documental desde a Guerra Civil ata a legalización dos sindicatos.
A Fundación 10 de Marzo (F10M) de Comisións Obreiras de Galicia continúa avanzando na organización, descrición e dixitalización do seu patrimonio documental co obxectivo de incorporalo a Galiciana.gal, o sistema de difusión e recolección do patrimonio dixital galego. O proxecto, desenvolvido co apoio especializado da consultora galega UNAYTA, abrangue máis de 1300 caixas documentais que constitúen un «legado histórico esencial para comprender a memoria sociopolítica e laboral do país», explica o presidente da Fundación, Xesús Castro.
Esta iniciativa forma parte dun traballo continuado que a F10M vén desenvolvendo desde 2018 para organizar, catalogar e dixitalizar os seus fondos documentais. As axudas concedidas pola Xunta de Galicia e pola Deputación da Coruña, a través de distintas convocatorias, están a favorecer o avance deste proceso.
Grazas á descrición e organización de fondos sindicais, empresariais e institucionais, así como de máis de setenta legados persoais, o proxecto «está a transformar un arquivo disperso nun patrimonio histórico consultable por persoas investigadoras e pola cidadanía», subliña Castro. Os fondos abranguen un amplo período histórico, desde a Guerra Civil e a clandestinidade ata a legalización dos sindicatos, e permiten recuperar «historias inéditas», así como reconstruír «aspectos fundamentais da evolución social, política e laboral de Galicia», destaca o presidente da entidade.
Entre os materiais conservados destacan correspondencia privada, notas manuscritas, borradores de informes elaborados na clandestinidade e documentación de empresas clave do sector naval e industrial galego, como ASCON, Astano, Bazán, Barreras e Vulcano. O arquivo inclúe tamén documentación vinculada ás prisións da posguerra, rexistros de fusilamentos, materiais relacionados coa loita das mulleres e fondos de movementos sociopolíticos como a Liga Comunista Revolucionaria (LCR) ou o Partido Comunista de España (PCE). «Trátase de testemuños fundamentais para comprender o pasado recente de Galicia e a súa influencia na sociedade actual», resalta Xesús Castro.
A preservación destes fondos permitirá conservar para as xeracións presentes e futuras a memoria da loita obreira, da participación das mulleres e dos movementos sociopolíticos que contribuíron á transformación social e democrática de Galicia.
Desde UNAYTA explican que, para garantir que este patrimonio histórico quede protexido, organizado e accesible, o proxecto aplica un «rigoroso proceso» de tratamento documental. Os fondos son clasificados seguindo as normas arquivísticas internacionais ISAD(G) e a Norma Galega de Descrición Arquivística (NOGADA), asegurando que cada serie documental conserve o seu contexto orixinal.
A intervención inclúe a limpeza da documentación, a eliminación de elementos que poidan danala, a súa reinstalación en caixas normalizadas e a creación dun cadro de clasificación xerárquico e flexible, «deseñado para incorporar novos fondos sen comprometer a rastrexabilidade nin a coherencia do conxunto documental», indican desde a consultora. Este proxecto representa un «paso decisivo na preservación da historia viva de Galicia» e pon de relevo a importancia da organización documental como ferramenta para conservar, protexer e difundir a memoria social, destacan ambas as dúas entidades.