As instalacións municipais rexistraron unha media superior aos 436 usuarios diarios e ampliarán horario a partir do 1 de xullo.
As piscinas exteriores municipais de Frigsa superaron xa os 4.300 usuarios desde a súa apertura o pasado 15 de xuño, confirmando a boa acollida da decisión do Concello de adiantar o inicio da tempada estival para que os lucenses puidesen desfrutar destas instalacións coincidindo coa chegada das altas temperaturas.
Entre os días 15 e 24 de xuño, un total de 4.363 persoas utilizaron as piscinas municipais, o que supón unha media de 436 usuarios diarios.
Os rexistros continúan ademais nunha tendencia ascendente. Tras os 620 usuarios contabilizados o 22 de xuño e os 544 do día 23, a xornada do 24 de xuño converteuse na de maior afluencia desde a apertura, con 725 usuarios.
Os datos rexistrados durante estes primeiros días avalan a resposta da cidadanía a un servizo que cada verán se converte nun dos principais espazos de lecer ao aire libre da cidade.
O Concello continúa ademais incorporando melloras nas instalacións. Neste sentido, vén de dotar á piscina exterior de Frigsa dunha cadeira hidráulica que facilitará o acceso ao baño das persoas con mobilidade reducida, reforzando o compromiso municipal coa accesibilidade e a inclusión.
A partir do vindeiro 1 de xullo, as piscinas exteriores ampliarán tamén o seu horario de funcionamento, permanecendo abertas de luns a venres de 12.00 a 20.30 horas e os sábados e domingos de 12.00 a 20.00 horas, ofrecendo así un servizo máis amplo durante os meses de maior afluencia.
O Goberno municipal continúa traballando para mellorar os servizos públicos e adaptar as instalacións municipais ás necesidades da cidadanía, garantindo espazos accesibles, seguros e de calidade para desfrutar do verán en Lugo.