O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantiveron un encontro con Suso Seixo e Rubén Cela, representantes da comisión integrada polas fundacións Galiza Sempre, Terra e Tempo e Moncho Reboiras, que está a organizar unha serie de actos en lembranza do 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras, a última persoa asasinada polo franquismo na Galiza. Rubén Arroxo anunciou que o Concello de Lugo se unirá aos actos de homenaxe que se realizarán por todo o país, colocando un busto coa figura de Reboiras na cidade.
«Desde Lugo apoiamos esta iniciativa uníndonos a outras cidades, como Compostela ou Ferrol, que tamén colocarán un busto coa imaxe de Moncho Reboiras», afirmou Rubén Arroxo, que engadiu «outras vilas de Galiza tamén formarán parte desta homenaxe á figura dunha persoa que foi asasinada simplemente polos seus ideais».
Con esta acción, a Tenencia de Alcaldía lembrará a figura de Moncho Reboiras como unha persoa simbólica na loita pola liberdade e os dereitos fundamentais, promovendo a memoria histórica mediante unha intervención artística «seguindo a liña que xa vimos executando desde hai anos, lembrando a todas as persoas represaliadas polo Franquismo o Día da Galiza Mártir ou coa colocación dunha imaxe en lembranza ás persoas represaliadas nun lugar destacado do Cemiterio Municipal».
O Tenente Alcalde destacou o legado de Moncho Reboiras «unha figura clave na organización da clase traballadora galega, que axudou a crear o Sindicato Obreiro Galego, organización antecesora da CIG», e lembrou que «non foi ata o ano 2009 cando o Estado español o recoñeceu oficialmente como unha vítima do franquismo, a última persoa asasinada polo réxime na Galiza».
Reboiras foi asasinado na madrugada do 12 de agosto de 1975, despois de que na noite do 11 de agosto, a Brigada Político Social (BPS) establecera un control no barrio ferrolán de Canido. Ás 2 da mañá varios efectivos da Brigada xunto a varios axentes da Policía Armada acordoaron o edificio onde se atopaba Reboiras, que logra zafarse da policía durante máis de dúas horas, logrando finalmente esta darlle alcance no portal da rúa da Terra.