A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, instou hoxe ao Goberno de Candia a acondicionar de maneira inmediata as áreas recreativas da zona rural do municipio, denunciando o estado de abandono que presentan numerosos espazos públicos destinados ao lecer e á convivencia veciñal en pleno período estival.
A concelleira explicou que Lugo conta cunha rede de áreas recreativas distribuídas polas parroquias do municipio, creada e consolidada ao longo dos anos para ofrecer á veciñanza lugares de encontro, socialización e desfrute da natureza. Porén, lamentou que moitas delas sexan hoxe «practicamente inutilizables» debido á falta de mantemento por parte do actual Goberno municipal.
«Resulta absolutamente inexplicable que, en pleno verán, cando estes espazos rexistran a súa maior afluencia de familias, nenos e nenas e grupos de amigos, o Concello manteña as áreas recreativas completamente tomadas pola maleza. Estamos diante dunha mostra máis da falta de planificación coa que Candia está gobernando Lugo», afirmou.
González Abelleira puxo como exemplo o estado que presentan as áreas recreativas de Félix Arija, no Veral, as de Meilán ou a da parroquia de Esperante, onde a vexetación supera xa a altura das mesas e dos bancos, dificultando ou impedindo o seu uso normal. «Nalgúns parques infantís custa mesmo localizar os xogos entre a maleza, unha situación impropia dunha cidade que presume de apostar pola calidade de vida e polos espazos públicos», denunciou.
A portavoz adxunta advertiu ademais do risco que supón esta situación nas áreas recreativas equipadas con barbacoas. «A acumulación de vexetación seca durante os meses de maior calor incrementa innecesariamente o risco de incendio. Non falamos só dunha cuestión estética ou de comodidade, senón tamén de seguridade», sinalou.
A campaña de desbroces, sen arrancar
Así mesmo, a edil socialista considera especialmente grave que a campaña anual de desbroces aínda non estea en marcha cando este tipo de traballos deberían estar executándose. «O mantemento destes espazos non pode depender da improvisación nin realizarse cando xa pasou boa parte do verán. Hai tarefas que deben programarse con tempo porque responden a necesidades perfectamente previsibles», afirmou que sinalou que a falta de roza causa problemas de seguridade viaria nestes camiños utilizados como rede de comunicación municipal.
Neste sentido, González Abelleira sostivo que, aínda que a planificación ordinaria non se executase nos prazos previstos, nada xustifica que o Goberno municipal non mobilice de inmediato os medios propios do Concello para actuar nas zonas máis afectadas. «Se fallou a programación, o mínimo esixible é reaccionar con rapidez. O que non pode facer un Goberno responsable é mirar para outro lado mentres a veciñanza perde o dereito a utilizar uns espazos públicos polos que tamén paga cos seus impostos», indicou.
A portavoz socialista lembrou que tanto as áreas recreativas comoas vías de comunicación municipal constitúen un elemento esencial para a vida social das parroquias. «Estamos a falar de espazos que son auténticos puntos de encontro ou itinerario utilizados para a mobilidade ordniaria para as parroquias. A súa falta de mantemento transmite unha mensaxe moi preocupante: que o rural non está entre as prioridades do Goberno de Candia. E iso é profundamente inxusto para centos de veciños e veciñas que manteñen vivas as nosas parroquias durante todo o ano», afirmou.
Por todo iso, Ana González Abelleira reclamou ao Executivo municipal que acometa de maneira inmediata unha actuación integral de limpeza e acondicionamento de todas as áreas recreativas do municipio e que inicie xa a campana de rozas. «Lugo merece un Goberno que planifique, que manteña os espazos públicos en condicións. A maleza non pode seguir sendo a carta de presentación das nosas parroquias durante o verán», concluíu.