Ameijide afirma que “a presidenta, PSOE e BNG se pregan a el e aceptan todo o que pida” porque “ten a chave para continuar sentados no seus sillóns do goberno provincial”
“A aprobación dun convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Monforte na Xunta de Goberno deste venres confirma que a presidenta e o goberno provincial de PSOE e BNG seguen negociando con José Tomé”, asegura o portavoz popular, Antonio Ameijide.
“A pesar de que intenten negalo con palabras, os feitos deixan claro que Tomé, investigado pola Fiscalía nun caso de presunto acoso sexual, segue controlando e manexando os fíos da institución provincial. Segue sendo o presidente na sombra, como viñamos advertindo. Hoxe temos outra evidencia máis de que PSOE e BNG se pregan a Tomé que continúa tendo a chave do goberno provincial” porque, ademais dos votos dos socialistas e nacionalistas, foi indispensable o seu voto para conformar goberno e continúa a ser indispensable para contar con maioría na Deputación de Lugo.
Ameijide incide en que “a Deputación acaba de aprobar dirixir 1,8M€ de diñeiro de tódolos lucenses para colaborar na campaña política de José Tomé para as vindeiras eleccións municipais en Monforte de Lemos. A presidenta, PSOE e BNG aproban que unha persoa que debería estar apartada da política, como se fartan de reivindicar noutros casos de presunto acoso sexual, dispoña desa inxente cantidade de diñeiro para facer a súa campaña”.
Mentres o Partido Popular ofrece os seus votos para elixir outro alcalde do PSOE en Monforte de Lemos para apartar a Tomé e devolver a dignidade ao Concello; ossocialistas continúan apoiándoo como rexedor no municipio. E o goberno provincial de PSOE e BNG continúa a aceptar todo o que pida para continuar sentados nos seus sillóns”, lembra.
O portavoz popular condena que “tanto Carmela López, coma PSOE e BNG, intenten branquear a Tomé” e que “máis alá de defender o feminismo, o que defenden son os seus postos e a permanencia a toda costa no goberno provincial”, remarca.
DIÑEIRO PÚBLICO PARA PAGAR A DEFENSA DE TOMÉ
O portavoz popular lembra que PSOE e BNG, xunto a José Tomé, co seus votos en contra, rexeitaron a proposta do PP no último Pleno da Deputación de Lugo para que a institución provincial non preste servizo de asesoramento xurídico nin financie, nin de forma directa nin a través de contratos públicos ou seguros, os gastos de defensa de autoridades ou cargos políticos en presuntos casos de acoso ou agresión sexual, violencia de xénero ou calquera conduta contra os dereitos fundamentais.
Tomé ten solicitado ante a Deputación de Lugo que unha póliza de seguros contratada pola institución provincial cubra os custes da súa defensa por un caso de presunto acoso sexual. A este respecto, Ameijide lembra que, para que se dea esa circunstancia, “ten que contar coa autorización expresa de Carmela López”. De feito, o punto 7.5 da póliza, referente a defensa e asistencia legal, establece que “el asegurador abonará los gastos de defensa e investigación incurridos por el asegurado en el ámbito de cobertura del contrato, siempre que los mismos cuenten con el consentimiento previo por escrito del asegurador”.
“Esta é a segunda vez que intenta que sexamos os lucenses, a través da Deputación de Lugo, os que paguemos os honorarios dos avogados da súa defensa. Sería o colmo”, engade. Xa o intentou en decembro mentres continuaba como presidente da institución provincial, cando pretendía levar o asunto a aprobación en Xunta de Goberno. Finalmente ese punto foi retirado da orde do día. Daquela o BNG aseguraba que Tomé non ía ter ningún tipo de cobertura xurídica da Deputación de Lugo. “Veremos se cumpre a palabra e que pretende facer o BNG ao respecto”, conclúe.