Paderne brinda polo Branco Lexítimo, unha variedade recuperada que xa é símbolo da comarca

No acto estiveron tamén alcaldes e alcaldesas da comarca, como María Barral, alcaldesa de Betanzos, Manuel Vázquez Faraldo, alcalde de Miño, ou Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros, así como a deputada de Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García.

Paderne celebrou hoxe unha nova edición da Feira do Branco Lexítimo, unha cita que conta co apoio da Deputación da Coruña e que pon en valor unha das variedades máis singulares da comarca de Betanzos, reunindo adegas, produtores, hostalaría, asociacións e veciñanza arredor do produto local, a gastronomía e a cultura do viño.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou na inauguración xunto ao alcalde de Paderne, Sergio Platas, a quen agradeceu a invitación para formar parte dunha feira que “representa o orgullo dunha comarca que soubo recuperar unha parte da súa historia para convertela nunha oportunidade de futuro”.

No acto estiveron tamén alcaldes e alcaldesas da comarca, como María Barral, alcaldesa de Betanzos, Manuel Vázquez Faraldo, alcalde de Miño, ou Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros e deputado provincial, así como a deputada de Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García.

Formoso puxo en valor o Branco Lexítimo como unha variedade propia, vinculada á comarca de Betanzos e tamén a Paderne, que durante anos estivo case esquecida e que hoxe volve ocupar o lugar que merece grazas ao traballo de viticultores, investigadores, adegueiros e institucións.

“Detrás do Branco Lexítimo hai historia e tamén unha oportunidade para o rural”, afirmou o presidente provincial, que destacou o papel desta feira para dar visibilidade ao produto local, crear marca, atraer visitantes e xerar actividade económica arredor dun sector con raíces profundas na comarca.

O presidente da Deputación felicitou ás adegas e produtores participantes e recoñeceu o traballo do Concello de Paderne e do alcalde Sergio Platas na organización dunha cita que se consolida ano tras ano e contribúe a situar o Branco Lexítimo no mapa dos viños galegos de calidade.

Formoso subliñou tamén que iniciativas como esta encaixan coa aposta da Deputación por apoiar proxectos que nacen no territorio, impulsan pequenos negocios, favorecen o emprendemento e axudan a fixar poboación no rural.

Comparte éste artículo
No hay comentarios