O PPdeG destaca que máis dun cento de establecementos da provincia de Lugo ofrecen xa descontos aos maiores de 65 anos

Animan aos lucenses a empregar o Carné +65, posto en marcha pola Xunta, para desfrutar de descontos e vantaxes en produtos de audición e vista, comercios, viaxes, museos e teatros, entre outros.

Os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias e José Luis Novo, puxeron en valor que máis dun cento de establecementos da provincia de Lugo están adheridos ao Carné +65, posto en marcha pola Xunta e que ofrece descontos, vantaxes e beneficios exclusivos ás persoas maiores.

Os parlamentario, acompañados polo responsable de Política Social, Maiores e Migración do Concello de Lugo, Gustavo Díaz Rey, visitaron varios establecementos da capital que ofrecen estes descontos, e lembraron que se trata dunha tarxeta, semellante á que teñen as mozas e mozos de ata 30 anos, da que poden beneficiarse todas as persoas de 65 anos ou máis, empadroadas en Galicia, á hora de acceder a comercios, museos e teatros, así como viaxes e aloxamentos turísticos, ademais de produtos de audición e vista, actividades formativas e outros. Dos preto de 1.000 establecementos adheridos en toda Galicia, máis de 110 atópanse na provincia de Lugo.

Raquel Arias e José Luis Novo remarcaron que este carné é completamente gratuíto e non require de trámites nin de xestións. “É moi sinxelo. As persoas maiores recíbeno por correo nos seus fogares, sen necesidade de activalo. Para empregalo, por exemplo á hora de mercar unhas gafas, simplemente teñen que presentalo no momento de facer o pagamento, e o propio establecemento encárgase de aplicar o desconto de maneira directa”, indicaron.

Así mesmo, fixeron un chamamento para que todas e todos os lucenses que xa cumpriran os 65 anos se animen a presentar o Carné +65. “Cun pequeno xesto, como é sacar o carné do peto, poden optar a descontos do 10%, 20% e ata o 30%, que sumados no día a día, poden supoñer unha diferenza considerable ao final de mes. Que non deixen de facelo por descoñecemento ou por temor a non saber empregalo”, sinalaron. 

OUTRAS INICIATIVAS EN PROL DAS PERSOAS MAIORES

O Carné +65 é unha das iniciativas desenvolvidas polo Goberno galego para contribuír a que as persoas maiores desfruten desta etapa das súas vidas. Outros programas que se reeditan este ano son Benestar en Balnearios, ao que poden optar persoas maiores de 60 anos e pensionistas maiores de 55, con estadías de 10 días e 9 noites en réxime de pensión completa, a escoller entre 15 balnearios de Galicia; e Xuntos polo Nadal, que fai posible que as persoas maiores que estean soas poidan pasar estas datas acompañadas doutras persoas na mesma situación, de xeito gratuíto.

Comparte éste artículo
No hay comentarios