A portavoz do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, puxo hoxe en valor os resultados do último informe do Consello de Contas (publicado o pasado 31 de xullo) sobre o funcionamento dos sistemas de fiscalización interna nas entidades locais galegas. O documento, referido ao período 2021-2023, sitúa ao Concello de Lugo no nivel ALTO de madurez no seu control interno, a máxima categoría e que o propio organismo define como a existencia duns mecanismos de «control real e efectivo».
González Abelleira destacou que este ditame independente contrasta radicalmente coa narrativa empregada polo Partido Popular para xustificar a moción de censura. «Fronte ás opinións e aos relatos interesados están os datos obxectivos. Deixamos un Concello controlado, coas contas saneadas, unha débeda moi contida e recursos suficientes para seguir avanzando. A moción de Candia construíuse sobre un relato que os números desmenten», afirmou a portavoz socialista.
Exixencia técnica e rigor orzamentario
A clasificación obtida por Lugo non é xeneralizada: dos 259 municipios avaliados en Galicia, só 26 alcanzaron este nivel ALTO, acreditando a existencia e pleno funcionamento de Plans de Control Financeiro, fiscalización previa e auditorías.
A esta avaliación do Consello de Contas súmanse os datos oficiais da Intervención municipal sobre a liquidación do orzamento de 2025 (o último exercicio completo do goberno socialista), que pechou con:
- Un resultado orzamentario axustado positivo de 14,5 millóns de euros.
- Un remanente de tesourería superior aos 23,3 millóns de euros.
- Un nivel de endebedamento situado no 17,98% dos ingresos correntes, moi lonxe dos límites legais.
«Isto demostra que non deixamos unha caixa chea e un caixón baleiro. Deixamos recursos, contas saneadas e un orzamento para 2026 con case 19,4 millóns en investimentos que o propio PP está executando agora, como o aparcadoiro do Ceao ou as obras da Protectora», subliñou Abelleira.
Os reparos de Intervención: evidencia de que o sistema funciona
Respecto do debate sobre os reparos da Intervención municipal —utilizados pola oposición durante anos—, o informe do Consello de Contas aclara que a existencia de advertencias non é un indicador negativo, senón a proba de que os órganos de control exercen a súa función con independencia.
Neste sentido, a portavoz socialista contrapuxo o discurso do PP coa súa xestión actual: «A propia Elena Candia tivo que asinar decretos para levantar reparos e pagar facturas como as do Arde Lucus, demostrando que existen mecanismos legais para resolver discrepancias. O problema é que hoxe teñen 542 facturas por máis de 2,7 millóns de euros pendentes de pago a provedores por puras trabas políticas e falta de xestión».
«Non é a nosa palabra contra a de Elena Candia. Dun lado está o relato político co que se intentou xustificar un cambio de goberno; do outro, un informe independente do Consello de Contas, os datos técnicos da Intervención e uns proxectos planificados que eles mesmos están desenvolvendo. Os relatos cambian, pero os feitos quedan», concluíu González Abelleira.