Maruxa Bardasco: “Chegamos a pleno agosto coa mesma situación: Doiras pechado e unha atención médica insuficiente en San Román”.
A veciñanza de Cervantes volverá mobilizarse este xoves 13 de agosto diante do consultorio de Doiras para denunciar a falta de solucións da Xunta de Galiza ante a situación sanitaria que continúa padecendo o concello. O BNG chama a participar nesta nova concentración para esixir a reapertura do consultorio de Doiras e unha cobertura médica estábel e suficiente no centro de saúde de San Román.
As mobilizacións mantéñense despois de meses de reivindicacións e ante a ausencia de avances reais. O consultorio de Doiras continúa pechado e a atención médica en San Román segue sen contar coa estabilidade necesaria para garantir unha asistencia sanitaria adecuada á veciñanza.
Para a responsábel local do BNG, Maruxa Bardasco, o feito de chegar a pleno mes de agosto sen que a Xunta solucionase esta situación evidencia “a falta de compromiso da Consellería de Sanidade con Cervantes e, en xeral, coa atención sanitaria no rural”.
“Levamos meses reclamando algo tan básico como poder ter unha atención médica digna no noso concello. Pasou o inverno, pasou a primavera e chegamos a pleno agosto coa mesma situación: Doiras segue pechado e San Román continúa sen unha cobertura médica suficiente e estábel”, denunciou Bardasco.
Desde o BNG consideran especialmente grave que esta situación se prolongue durante o verán, unha época na que Cervantes incrementa considerablemente a súa poboación e, polo tanto, tamén aumentan as necesidades asistenciais. Fronte a esta realidade, denuncian que a Xunta non adoptou as medidas necesarias para reforzar o servizo nin para recuperar a atención perdida.
“Se durante todo o ano esta situación é inaceptábel, no verán resulta aínda máis preocupante. Temos máis xente no concello e, en lugar de reforzar a atención sanitaria, seguimos cun consultorio pechado e cun servizo insuficiente en San Román”, sinalou a responsábel local.
O BNG insiste en que a dispersión territorial, o envellecemento da poboación e as dificultades de mobilidade propias dun concello como Cervantes fan especialmente necesario contar cunha atención primaria próxima e estábel. Obrigar á veciñanza a desprazarse ou a depender dunha cobertura médica limitada supón, para a formación nacionalista, “afondar nas desigualdades que xa sofre o rural no acceso aos servizos públicos”.
Por este motivo, o BNG anima a veciñanza a participar novamente na concentración do xoves 13 de agosto diante do consultorio de Doiras e advirte de que as mobilizacións continuarán mentres non haxa unha resposta efectiva por parte da Xunta.