A popular condena a falta dunha xestión responsable por parte do alcalde socialista, a débeda de máis de 5 millóns de euros e o incremento dos impostos ofrecendo menos servizos e atención aos veciños e veciñas.
A voceira popular, Nicole Grueira, asegura que “Pol precisa un cambio” porque “os veciños e veciñas merecemos moito máis”, segundo defende. Así o recolle un folleto informativo do Partido Popular no que apostan por “facer de Pol un concello vivo, activo e cheo de oportunidades”
A popular considera que “é preciso que se inicie unha nota etapa cunha política próxima, responsable e cunha boa xestión para acadar o futuro que merecemos e cos servizos que as familias do noso municipio precisan”.
A portavoz do PP cre que “nos últimos anos faltou xestión responsable que puxera en primeiro lugar as necesidades dos veciños” toda vez que “o alcalde sempre puxo por diante os seus propios caprichos”.
A este respecto, Nicole Grueira asegura que “os veciños e veciñas de Pol merecemos pistas e camiños en bo estado, os recursos que os nenos e nenas precisan no colexio, o PAI nun lugar seguro e axeitado, servizos para mellorar a conciliación das familias, oferta de vivenda suficiente, actividades para os maiores, máis servizos no municipio e oportunidades para que os mozos e mozas poidan vivir en Pol e non teñan que marchar fóra”.
“Pol ten potencial”, segundo cre a popular; pero que “necesita un cambio porque ten máis de 5 millóns de débeda e o goberno local socialista aplica máis impostos, pero ofrece menos servizos”. Nese sentido, defende “unha nova etapa baseada na boa xestión, responsabilidade e atención directa aos veciños”.
Grueira amósase a disposición dos veciños e veciñas para escoitar os seus problemas e traballar do seu lado para atopar solucións reais. Así mesmo, incide na necesidade de “poñer as contas do Concello en orde” de forma que “cada euro se gaste para mellorar a vida dos veciños e das súas familias”.