O SLG traslada ás alcaldías da comarca a situación límite que vive a viticultura na DO Rías Baixas

O Sindicato Labrego Galego (SLG) mantivo unha xuntanza de traballo cos alcaldes e alcaldesas dos concellos de Salvaterra de Miño, Ponteareas, Crecente, As Neves, Arbo, A Cañiza, Salceda de Caselas, Tomiño e O Rosal para trasladarlles de primeira man a situación crítica e límite que atravesa o sector da viticultura no marco da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas.

A delegación do SLG estivo encabezada por Manuel González, coordinador comarcal; Rosario Domínguez, coordinadora comarcal; e os vogais do sindicato no Consello Regulador da DO Rías Baixas, José Antonio Presa e Cristina Carrera. Co obxectivo de amosar a realidade directa do campo, o sindicato convidou tamén a varios viticultores e viticultoras da zona, quen puideron expor diante dos rexedores locais como está a afectar esta crise ás súas explotacións e á súa viabilidade económica.

«O obxectivo do encontro foi trasladar a necesidade de implementar medidas urxentes para revertir a situación crítica que vive o sector vitícola«, explicou Manuel González, coordinador comarcal do SLG.

Durante a xuntanza, o SLG salientou a importancia de que os concellos apoien as reivindicacións dos viticultores e actúen como interlocutores ante as administracións autonómicas e o propio Consello Regulador para protexer un sector clave para a economía rural, o mantemento do territorio e o patrimonio agronómico galego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios