O Racing deixa os puntos en Almendralexo ao defender mal outro centro aéreo

Un punto de seis posibles. Estes son os números iniciais dun proxecto de ascenso que por segunda campaña consecutiva o Grupo Elite, dono do Racing, puxo nas mans do inexperto Álex Vázquez. O cadro da cidade naval, no primeiro partido contra o terceiro Extremadura da historia (C.F. U.D. e agora C.D.) errou na defensa dun centro, como acontecera en Guecho na xornada inaugural, e recibirá ao Irún, líder, mergullado na parte baixa da táboa no primeiro partido ligueiro da temporada na Malata coas obras de cuberta do estadio máis atrasadas do previsto. É como se en Ferrol todo estivera feito para que nada saia ben nos últimos tempos. No Francisco de la Hera estreouse Eto’o co emblema do pote e a cruz de Santiago, e volveu a facelo Rubén Blanco, que retornou tras o seu paso polo Alcorcón.

O Racing só respira ao final

O partido comezou coa desgraza da baixa de Ojeda, o mellor home en ataque na primeira xornada, que caía da convocatoria por unha gastroenterite. O partido, xogado baixo unha intensa calor, non tardou en abrir as hostilidades. A zaga visitante non controlou un centro ao segundo pau con toque cara atrás, nin a Rodri, que colleu o coiro para xutar por riba do traveseiro aos catro minutos.
Pouco despois, Zarfino, un dos homes importantes na estrutura do xogo local, debeu marchar aos vestiarios por un problema nos isquios. O Racing non aproveitou esa baixa e permitiu que o substituto, Yael, fora un dos amos da franxa central.
A primeira aproximación galega foi pola dereita, cun centro para a subida de Álvaro Ramón no lado oposto, que optou por un disparo forte, pero sen control, que voou moi desviado do marco local.
Nunha falta sacada precisamente por Yael, a zaga racinguista volveu facer augas. Ningún central tapou a Sergi Molina, cuxo remate rozou o pau da meta de Lucas. Se en Guecho houbo carencias para defender centros aéreos, en Almendralexo volveu a aparecer a síndrome dos centrais non aptos para un proxecto de ascenso.
Minutos despois, nun balón dividido, pediuse o segundo amarelo para Fabio, que na disputa deixou no chan a Luis Nicolás.
No primeiro terzo de encontro, a barreira desviou pola liña de fondo un libre directo embeleñado por Dieguito.
O mellor do Racing deuse na parte final do primeiro acto, con dous achegamentos que puideron adiantar ao cadro galego po medio de Monjonell e de Esquerdo.

Outro centro mal defendido

No segundo tempo, Kike Márquez, un ex racinguista de mala lembranza, deu o primeiro susto. Nunha condución vertical sobre a área. axudouse coa man involuntariamente antes de fusilar a Lucas dentro da área. O colexiado reafirmouse na invalidación da xogada tras comprobar no monitor a infracción.
O Extremadura perdeu o dominio na medida que Manchón foi diminuíndo a súa presenza nos ataques locais e o Racing mergullouse nun partido aberto, no que a racionalidade ficou por detrás dun fútbol impulsivo. Nesa desorde, Buján achegouse ao 0-1 cun xute con efecto e en condución. Liceras reaccionou tarde, pero a pelota bateu no pau,
O Racing non anotou e o fixo o Extremadura. David Rocha gañou a partida sobre a estratexia defensiva de Javi Vázquez nun saque de esquina que Dieguito mandou ao segundo pau, Lucas non chegou a palmexar o esférico na súa saída e Rodri, atento, cazou o centro ante un estático Bernal e celebrou o que sería único gol do encontro.
Os locais fecharon o partido colocando un central máis. Esa situación de risco estivo a piques de pasarlles factura nun centro de Álvaro Ramón ao que non chegou o estreante Eto’o. As últimas ocasións foron para Raúl Blanco, que facilitou a parada de Liceras xutando cara ao centro, e para Arroyo, cuxo golpeo foi desviado por un defensa que se lanzou ao chan para tapalo.
O Racing sumou a primeira derrota da temporada e se presentará o próximo domingo diante do seu público fronte ao líder, Irún, cun só punto de seis posibles. O segundo proxecto de Álex Vázquez para que o Racing retorne a Segunda División comeza mal da man dun Javi Vázquez que ten mellor relato que os últimos inquilinos do banco verde, pero aínda non ten triunfos. Mal asunto para o madrileño nunha etapa da historia racinguista na que a afección está cansa do primeiro e ansiosa por gozar do segundo.

Ficha

DOMINGO 06/09/2026 (18,15) Campo: FRANCISCO DE LA HERA (5.100)
C.D. EXTREMADURA : 1 – RACING C. FERROL : 0 (0‑0)

EXT : Liceras; Bekhoucha (Espejo 83’), Sergi Molina, Correa, Alex Macías; Luis Nicolás, Zarfino (Yael .9’), Manchón, Dieguito (Nordin 83’), Kike Márquez (Chus Villar 71’), Rodri (Iker Burgos 71’). Tre. David Rocha (Banco: Robador (g); Barace; Edu Sánchez; Areosa; Lecić; Goethler).
RAC : Lucas; Leal (Saúl 84’), Germán (David Castro 84’), Monjonell, Álvaro Ramón; Azael (Eto’o 64’), Bernal, Fabio (Alcaina 55’), Esquerdo, Buján (Raúl Blanco 64’); Arroyo. Tre. Javi Vázquez. (Banco: César (g); Edgar; Sekou).
Goles: 1-0 Rodri 66’.
Árbitro: Expósito Jaramillo (Andaluz). Auxiliares: Agote Garrido e Romero García. 4º árb.: Muñoz Blázquez.
Disciplina: CA: Fabio 25’; Sergi Molina 30’; Eto’o 79’; Bekhoucha 80‘; Manchón 85‘.

Comparte éste artículo
No hay comentarios