Cadernos da viaxe. Jordi Pujol: a memoria do país e a lección do estadista

A recente Diada do 11-S de 2026 deixounos unha postal política de fondo impacto. Nun intre no que o soberanismo catalán recuperou parte importante seu apoio social, incorporando milleiros de mozos e mozas e reorientando a súa forza nas rúas, a voz de Jordi Pujol volveu soar cando a súa vida, como ben recoñeceu, comeza esmorecer. Foi a medio dunha emotiva nota de voz enviada a El matí de Catalunya Ràdio, onde o President, que acadou xa os 96 anos, dirixiuse á cidadanía cunha frase que resoa no corazón da historia contemporánea: «Eu esmorezo, pero vós sodes xente vital, con esperanza e un futuro colectivo». Un chamamento á convivencia integradora, reivindicando a festa de «todos os que viven, traballan en Catalunya e queren ser cataláns», tanto os que  naceron xa na Catalunya nos anos trinta do século pasado como os que veñen de chegar, Unha mensaxe que ten tanto máis importancia polo que supón de descualificación da xenofobia racista da dereita extrema e da extrema dereita e de conexión do soberanismo democrático co humanismo do que xorde. Pujol chegou ao tempo no que compre facer balance sen compracencias, mais tamén sen esa amnesia oportunista que tantas veces deforma a análise política.

Cando servín como Secretario Xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia tiven o privilexio  acompañar a Jordi Pujol e á súa dona, Marta Ferrusola, convidados polo Vicepresidente da Xunta de Galicia e líder entón do BNG, Anxo Quintana ( novembro de 2008). De certo que non foi unha simple visita de protocolo, senón unha lección viva de política con maiúsculas, de memoria humana e de afecto profundo por Galicia. Aquel percorrido por Compostela, Allariz, Ourense e Vigo revelou a dobre dimensión dun auténtico líder. Por unha banda, o Pujol estadista: o home cunha cabeza privilexiada para o detalle socioeconómico, quen de analizar coa mesma finura a crise financeira que comezaba enchoupar o mapa global como os modelos de desenvolvemento municipal que Allariz simbolizaba para o galeguismo. Por outra banda, o Pujolamigo de Galicia. un home que non viña a afacerse a un territorio estraño, senón a reencontrarse cun país amigo, que xa coñecía adoito dende os primeiros anos 70 do século pasado, cando adoitaba facer longas viaxes en autobús dende Asturies no desenvolvemento das súas tarefas profesionais.

Pujol partillou longos anos amizade con Valentín Paz Andrade, nomeadamente cando Paz Andrade foi senador e Pujol deputado na primeira lexislatura democrática (1977-79). Velaí a xuntanza que mantivo nun daqueles días co seu fillo Alfonso, morto de xeito temperá no 2021. A amizade entre o President e D. Valentín respondían á vella e sólida ponte entre o catalanismo e o galeguismo, como a que mantiñan Castelao e Otero Pedrayo co martir Carrasco Formiguera. Unha amizade construída sobre a convicción de que a modernización económica e a afirmación nacional son dúas caras da mesma moeda.

Tiven tamén  daquela a oportunidade de comprobar a súa conexión esencial co seu país e coa súa xente, ao tempo da súa memoria prodixiosa. Con poucos minutos de diferenza recoñecérono en Compostela cadanseu grupo de veciñas de Figueres e das Terras de L´Ebre e nas dúas conversas foi quen de lles  detallar-por separado- a xeografía humana e familiar de cadansúa  contorna, como se tivera vivido nelas toda a súa vida.

Esta vivencia directa obriga  mirarmos cara ás sombras sen virar a cara. O sobresemento libre do seu proceso penal por razóns de deterioración cognitiva exímeo do xuízo ao que a súa familia segue sometida, pero non resolve eventuais reproches éticos. Con todo, resulta imposíbel non criticar o rigor inquisitorial da Audiencia Nacional ao lle facer comparecer presencialmente en Madrid aos seus 95 anos e en evidentes condicións de fraxilidade da saúde. Un xesto inhumano que pouco tiña que ver coa verdadeira xustiza. Para máis, cómpre lembrar que o axuizamento destes feitos non lle corresponde ao Tribunal ordinario predeterminado pola lei, senón a un Tribunal de Madrid con xurisdición para todo o Estado e herdeiro do vello Tribunal de Orde Pública.

Non estamos xa no 2014 e semella que amplos sectores  da sociedade catalá, e tamén do independentismo racharon a exclusión da vida civil que sufriu longos anos Jordi Pujol. Moita máis xente recoñece que soubo fer país e avalia os seus esforzos na construción dunha Catalunya moderna e das estruturas fundamentais da nación: a escola en catalán, os Mossos d´Esquadra, os medios públicos de radio e TV e a ampliación e consolidación do autogoberno.

A historia non un relato en branco e negro. O Pujol que tivemos o privilexio de acompañar por Galicia era o arquitecto da Catalunya contemporánea e un amigo leal da nosa Galicia. Unha figura complexa, lúcida e irrepetíbel sen a que non é posíbel interpretar o último medio século da historia de Catalunya.

Comparte éste artículo
No hay comentarios