A Laracha. Aprobados por unanimidade os tres asuntos abordados no pleno extraordinario celebrado hoxe

Os proxectos a financiar con cargo ao POS+ Adicional, a modificación da ordenanza do programa ‘Harmoniza’ e o convenio coa Deputación para o plan de parques infantís.

No Pleno extraordinario celebrado hoxe na Casa da Cultura da Laracha os tres asuntos abordados foron aprobados por unanimidade dos tres grupos municipais. A sesión estivo presidida polo tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, ao escusar a súa ausencia o alcalde, José Manuel López Varela.

Deste xeito quedou formalizada a participación no POS+ Adicional da Deputación da Coruña, cunha dotación económica de 761.015,86 euros para o Concello da Laracha que se destinarán integramente ao financiamento de proxectos de mellora de infraestruturas de titularidade municipal. A maior parte da dotación económica irá dirixida a actuacións na rede viaria na Armada Vella, A Orraca, Trixezo, As Salgueiras e A Ferradura (parroquia de Soandres), Trasande e A Lagarteira (Cabovilaño), O Campo da Costa (Caión), A Xesta e A Abeleira (Soutullo), O Pazo (Vilaño), A Torre, A Cachada e accesos ao CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco (Lestón). En Escurido (Lendo), ademais de renovar a estrada vaise ampliar a rede de saneamento. E tamén será reformado integralmente o almacén municipal situado na rúa Ponte da Balsa do núcleo urbano da Laracha.

A modificación da ordenanza reguladora do programa de axuda á conciliación ‘Harmoniza’ propúxose para poder atender a totalidade das solicitudes de inscrición viables que foron presentadas e evitar a formación de listas de agarda. O cambio no texto, aprobado hoxe con carácter provisional, suporá que durante o período lectivo do curso escolar as prazas dispoñibles pasen de 120 a 150 no CEIP Otero Pedrayo, de 35 a 45 no CEIP Alfredo Brañas e de 20 a 35 no CEIP de Caión. Ademais, durante o período de vacacións pasaríase de 120 a 150 prazas. Tamén se inclúe a posibilidade de ampliar esas cifras en caso de necesidade xustificable, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria e espazo físico axeitado. Agora o novo texto estará en exposición pública durante un período de 30 días antes de proceder á aprobación definitiva.

Ademais, aprobouse o convenio coa Deputación da Coruña para o cofinanciamento do Plan municipal de mellora de parques infantís. O plan redactado polo Concello contempla a creación dun novo parque infantil en Coiro e a mellora doutros xa existentes: o situado no Cruceiro de Lendo, o da praza da Areosa en Vilaño e o da rúa A Porta Santa de Paiosaco. As actuacións deseñadas inclúen a substitución do pavimento actual de baldosas de caucho por outro continuo e a renovación do mobiliario urbano e dos propios elementos de xogo co obxectivo de mellorar a seguridade, a funcionalidade e o confort destes espazos, ademais de facelos máis atractivos para os seus usuarios. A iniciativa conta cun orzamento total de 120.695,04 euros, dos que a Deputación financiará o 80 %.

Comparte éste artículo
No hay comentarios