Sonsoles Ónega, pregoeira do San Froilán e Sandra Piñeiro, oferente a Rosalía de Castro

Dúas mulleres cunha destacada traxectoria profesional e unha especial vinculación con Lugo protagonizarán este ano dous dos momentos máis simbólicos do San Froilán. A xornalista, escritora e presentadora Sonsoles Ónega será a encargada de pronunciar o pregón das festas o domingo 4 de outubro, ás 12.00 horas, mentres que Sandra María Piñeiro Vilas, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, realizará a tradicional ofrenda a Rosalía de Castro o domingo 11 de outubro, Domingo das Mozas, ás 12.00 horas.

Son dúas persoas que contan con traxectorias diferentes que comparte a capacidade de servizo á sociedade: desde a información, a comunicación e a cultura, no caso de Ónega. E dende a defensa dos dereitos, as liberdades e o funcionamento da xustiza, no de Piñeiro.

Sonsoles Ónega, pregoeira do San Froilán

Xornalista, escritora e presentadora, Sonsoles Ónega desenvolveu boa parte da súa carreira no xornalismo político e parlamentario antes de ampliar a súa actividade a outros formatos televisivos e consolidar tamén unha traxectoria literaria.

Na actualidade presenta Y ahora Sonsoles en Antena 3 e conta cunha recoñecida carreira como escritora, que inclúe o Premio Planeta 2023 por Las hijas de la criada.

A súa relación con Lugo vai moito máis alá da súa traxectoria profesional. É filla do xornalista Fernando Ónega, natural de Mosteiro, no concello de Pol, e Lugo e a súa provincia forman parte dos seus recordos desde a infancia.

Este vínculo familiar ten ademais unha especial relevancia este ano, despois de que o Concello de Lugo lle concedese a Fernando Ónega o título de Fillo Adoptivo da Cidade, a título póstumo, nun acto institucional celebrado o pasado mes de agosto e presidido pola alcaldesa, Elena Candia.

A propia Sonsoles Ónega ten lembrado en diferentes ocasións as súas visitas á cidade e os seus desprazamentos familiares cara a Mosteiro. A súa vinculación con Lugo tamén quedou reflectida na súa actividade profesional: en 2015 pronunciou o pregón da Semana Santa de Lugo.

Agora, máis dunha década despois, regresará á cidade para poñer voz ao pregón do San Froilán, nun ano no que a relación da súa familia con Lugo volve estar especialmente presente.

Sandra Piñeiro, oferente a Rosalía de Castro

A presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra María Piñeiro Vilas, será a encargada de realizar a tradicional ofrenda a Rosalía de Castro o Domingo das Mozas.

Piñeiro desenvolveu unha parte fundamental da súa carreira xudicial en Lugo. Foi titular do Xulgado de Instrución número 2 da cidade desde 2012, despois de exercer no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Marín. En xuño de 2025, o Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial nomeouna presidenta da Audiencia Provincial de Lugo.

A súa traxectoria profesional está estreitamente ligada á cidade, onde desenvolveu durante anos a súa actividade xudicial e desde onde exerce actualmente a responsabilidade á fronte da Audiencia Provincial.

A súa participación no Domingo das Mozas permitirá incorporar á tradicional homenaxe a Rosalía de Castro a mirada dunha profesional vinculada á cidade e ao servizo público.

Dous actos centrais das festas

O pregón do San Froilán e a ofrenda a Rosalía de Castro forman parte dos actos máis representativos das festas e volverán reunir este ano tradición, cultura e sociedade lucense.

O domingo 4 de outubro, ás 12.00 horas, Sonsoles Ónega será a encargada de pronunciar o pregón, mentres que o domingo 11 de outubro, Domingo das Mozas, á mesma hora, Sandra Piñeiro realizará a tradicional ofrenda a Rosalía de Castro.

Con estas dúas eleccións, o Concello de Lugo quere poñer tamén en valor a traxectoria de mulleres vinculadas a diferentes ámbitos da sociedade, así como os lazos que unen a cidade con persoas que desenvolveron parte da súa vida persoal ou profesional en Lugo.

Deste xeito, o San Froilán 2026 contará con dúas protagonistas que, desde ámbitos diferentes, achegarán aos seus actos máis simbólicos a súa relación coa cidade e as súas respectivas traxectorias profesionais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios