A xunta de goberno aprobou este venres o nomeamento dos traballadores que ocuparán definitivamente 16 prazas nos centros de atención a maiores da rede provincial, que dá emprego directo a 230 persoas.
A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres diferentes medidas que teñen que ver coa consolidación do emprego público e co acondicionamento da rede viaria provincial, dúas das liñas de actuación permanente da institución provincial que buscan mellorar a calidade dos servizos que se prestan aos cidadáns.
Fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais e enfermeiras
A xunta de goberno autorizou o nomeamento de 16 traballadores como persoal fixo das residencias de maiores da rede provincial, unha medida que supón unha mellora tanto en materia de emprego e que redundará tamén na prestación do servizo ás persoas usuarias destes centros.
A Deputación finaliza deste xeito o proceso de estabilización do persoal das súas residencias, que dan emprego directo a 230 persoas.
Os procesos leváronse a cabo por concurso-oposición. Catro prazas de fisioterapeuta, correspondían ás ofertas de emprego público dos anos 2023 e 2024; cinco prazas de terapeuta ocupacional pertencían ás ofertas de emprego público dos anos 2023, 2024 e 2025 e sete prazas de enfermería formaban parte das ofertas de emprego público de 2023 e 2025.
Á marxe das residencias, a xunta de goberno autorizou así mesmo o nomeamento de cinco auxiliares e catro porteiros. Nos dous casos son para cubrir prazas correspondentes ás ofertas de emprego de 2023. No primeiro caso foi por oposición e no segundo, por concurso-oposición.
Outros acordos adoptados polo órgano provincial este venres permitirán continuar reforzando o cadro de persoal da Deputación. Por unha banda, aprobáronse a convocatoria e as bases para elaborar unha listaxe de técnico superior de márketing e publicidade para prestar servizos de carácter temporal. Tamén se aprobaron a convocatoria e as bases para cubrir unha praza de oficial de taller de libro (encargado da restauración de libros e documentos). Neste caso está reservada á promoción interna vertical.
Máis de 245.000 € para case 4 quilómetros de estradas en Cervo
No ámbito da mobilidade, a xunta de goberno deu este venres un novo impulso á mellora da rede de estradas provinciais con actuacións no concello de Cervo. En concreto, aprobouse a adxudicación das obras de acondicionamento de dous treitos das estradas LU-P-1503 e LU-P-1505, que quedaron adxudicadas por 245.146 euros a Desarrollos y Metas SL.
Na LU-P-1503, que é a estrada que vai de Río Covo, por Trasbar a Vilaestrofe, actuarase nun treito de 1,75 quilómetros, comprendido entre os puntos quilométricos 2,608 ao 4,360.
Esta actuación dará continuidade as obras de mellora executadas pola institución provincial nesta mesma vía, na que se actuou nos case tres primeiros quilómetros. Trátase dunha vía de especial importancia porque enlaza coa estrada provincial LU-P-1502, que comunica co concello de Burela e o Hospital da Mariña.
Estas melloras permitirán dar un servizo máis seguro e cómodo para os veciños e veciñas de Trasbar e de Castelo, pero tamén doutras parroquias da zona, xa que esta vía comunica cos campos de fútbol da Granda, en Rúa; e o da Chá, en Vilaestrofe; así como co Miradoiro de Monte Castelo, un dos atractivos turísticos da comarca da Mariña.
Tamén se actuará na estrada LU-P-1505, que comunica o núcleo urbano de Cervo coa estrada nacional N-642, con Sargadelos e coa parroquia de San Román de Vilaestrofe. Neste caso, acometeranse melloras nun tramo de case de dous quilómetros, actuando entre os puntos 2,190 e 4,111.
Os traballos, cun prazo de execución de catro meses, consistirán na limpeza de cunetas, a mellora do drenaxe, acondicionamento de deficiencias en diferentes curvas. Posteriormente, o estendido con aglomerado en quente e, unha vez rematado, procederase ao pintado da sinalización horizontal.
Apoio ao club Emevé
Finalmente, o equipo de goberno aprobou a concesión dunha subvención directa excepcional a favor da entidade Club Emeve co obxecto de colaborar no financiamento dos gastos derivados da actuación “Impulsando a enerxía feminina”, por un importe de 18.000 euros.
O Club Voleibol Emevé é unha entidade deportiva lucense de referencia en Galicia cunha estrutura consolidada que abarca desde as escolas deportivas de base ata competicións nacionais de máximo nivel.
O club conta cunha ampla envergadura integrada por equipos femininos e masculinos en todas as categorías, sendo recoñecido como o mellor club de base da comunidade en varias ocasións (2009, 2017 e 2024).
Ademais da súa actividade regular co deporte base e de elite, o Club Emevé destaca pola súa gran capacidade organizativa a nivel estatal a través de eventos como o Campionato de España de Seleccións Autonómicas infantil e cadete celebrado en Lugo o pasado mes de xuño, o cal reuniu a preto de 1.500 deportistas de todo o país.
Neste senso, esta fin de semana, o pabillón municipal acolle o I Torneo Internacional Cidade de Lugo, no que o Arenal Emevé compite contra clubs de relevancia como o Leixões SC de Portugal e o Ocisa Haro de La Rioja.